O equipo, que se clasificou para o Campionato de España, foi recibido no Concello.
A falta de tres xornadas para que remate a liga o equipo xuvenil feminino do Club Balonmano Porriño proclamouse Campión de Galicia, obtendo o pase ao Campionato de España. As xogadoras, acompañadas polas súas adestradoras Ana Alonso e Laura Barros, foron recibidas no Concello polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e o tenente de alcalde e concelleiro de deportes, Abel Estévez, que quixeron felicitalas polo seu logro en nome todas e todos os porriñeses.
“Temos un gran equipo”, indicou Estévez, “queremos desexarlles a maior das sortes no sector do Campionato de España, lembrarlles que terán o apoio do Concello e que faremos as xestións necesarias para que o sector se xogue no Porriño e todos poidamos disfrutar con elas”.
Un apoio no que incidiu o alcalde, que lles pediu que seguiran “na mesma liña, erforzándovos e disfrutando do que facedes e das recompensas ao voso esforzo, xa que así será como seguiredes sumando éxitos”. Lorenzo quixo estender o seu recoñecemento ás dúas adestradoras e de maneira especial ao presidente do Club Balonmano Porriño, Abel Estévez, do que dixo “é sen dúbida o mellor concelleiro de Deportes que pode ter O Porriño”.