O IES Ribeira do Louro participa nun proxecto europeo para formar a persoal das universidades de Albania, Bosnia Herzegovina, Montenegro e Kosovo na extracción, elaboración e comercialización da pedra natural.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Programas Europeos, Carolina González, recibiron onte aos representantes dos centros de educación de Italia, Grecia e Rumanía que xunto co Porriño participan no proxecto “Higher Education – Entreprise platform for fostering, modernisation and sustainable growth in natural stone industry in Western Balkans”.
Trátase dun proxecto no que socios da Unión Europea trasferirán as súas competencias e coñecementos relacionados coa extracción, elaboración, colocación e comercialización no sector da pedra natural aos Balcáns.
No frente galego, representan ao proxecto o IES Ribeira do Louro, da man do seu impulsor Amador Ordoñez, que traballa baixo a Secretaría Xeral de Educación e Formación, e a Universidade da Coruña.
No que respecta aos países da Unión Europea, participarán centros de educación superior e FP de España, Italia, Grecia e Rumanía e como receptores do coñecemento participan universidades de Albania, Bosnia Herzegovina, Montenegro e Kosovo.
“O Porriño é un lugar de referencia na industria mineira polo que, ademais de exportar pedra podemos exportar os nosos coñecementos e experiencia a países cun gran potencial no sector, nos que as súas empresas institucións de formación carecen dos coñecementos e tecnoloxías que lles permitan acceder aos mercados internacionais”, explicou o alcalde, que aproveitou para dar a noraboa aos organizadores pola iniciativa xa que, “para nós é un pracer manter estas sinerxias á vez que os nosos estudantes aprenden e se forman”.