O FIC Vía XIV abre as inscricións a concurso da súa décima edición, que terá lugar entre o 28 de agosto e o 6 de setembro. Os e as cineastas que desexen presentar as súas obras a concurso poderán facelo ata o mes de abril a través das plataformas Festhome e Shortfilmdepot, dispoñibles na páxina web do festival.
Esta nova edición contará co incremento da cuantía dos premios nas seccións oficiais de ‘A Raia’ e ‘Nova’, cunha dotación económica que pasa dos 750 aos 1.000 euros.
«Tras dez anos de festival, e froito da experiencia adquirida nesta década de vida, realizamos un cambio estratéxico para apostar polos creadores, que son quen sosteñen o FIC Vía XIV», afirma Carlos Montero, director do festival.
Ademais, como novidade, a programación contará cunha actividade que, a través do cine, explorará en profundidade unha subtemática do leitmotiv do festival, que nesta edición será a postverdade e que cambiará cada ano.
Deste xeito, «o FIC Vía XIV busca nesta edición películas que aborden a verdade non só dende un punto de vista factual, senon tamén dende a subxectividade dos seres humanos» informan dende a organización.