O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor o liderado de Galicia no cribado neonatal. Esta iniciativa da Xunta de Galicia, activa dende o ano 2000 e ata 2024, permitiu realizar cribados a máis de 476.000 bebés. Así, xa se diagnosticaron 705 patoloxías que, sen ese diagnóstico precoz, poderían supoñer graves consecuencias.
Gómez Caamaño indicou que cidadanía avala esta iniciativa. Isto é debido, a práctica totalidade dos bebés nados en Galicia, o 99,9 %, participan nestes cribados. O conselleiro de Sanidade remarcou que desde o ano 2000 e ata 2024 se diagnosticaron entre outros, 222 casos de hipotiroidismo conxénito, 62 de fibrose quística e 372 enfermidades metabólicas.
Ademais, desde o ano 2023, detectáronse catro novos casos de atrofia medular espinal, un de inmunodeficiencia combinada grave, e outro de hiperplasia suprarrenal conxénita. Estas tres patoloxías foron incorporadas ao cribado da sanidade pública galega ese mesmo ano.
Gómez Caamaño incidiu en que Galicia conta co programa de cribado neonatal máis amplo do Estado, incrementado no pasado mes de novembro con tres novas enfermidades. Así, permítese detectar de forma temperá 37 metabolopatías conxénitas primarias e 14 secundarias, acadando as 51.
Algunhas das novas enfermidades incorporadas son a adrenoleucodistria ligada ao cromosoma X, que pode provocar déficits neuropsiquiátricos e insuficiencia suprarrenal e a mucopolisacaridiosis tipo I, que pode provocar discapacidade intelectual grave. Ademais da enfermidade de Pompe, que provoca deterioro muscular, e que xa se diagnosticou un caso dende que se incorporou ao cribado.
Polo tanto, salientou o conselleiro, a cobertura galega en comparación coa establecida na carteira básica do Sistema Nacional de Saúde é máis completa. Galicia identificou 51 enfermidades, o que contrasta cos cribados obrigatorios a nivel estatal, que ata hai pouco só recollían 11 enfermidades, incrementándose en catro máis recentemente, pero moi lonxe do que recolle o programa galego.
Trátase pois, proseguiu o conselleiro, dun programa de prevención moi importante mediante probas moi sinxelas e nada invasivas. Deste xeito, posibilítase detectar enfermidades antes de que presenten síntomas para poder aplicar alternativas terapéuticas o máis pronto posible.
En consecuencia, a aposta da Xunta de Galicia pola prevención é notoria, xa que Galicia dispón do calendario vacinal máis completo do mundo. Con isto, é pioneira na vacinación fronte ao virus respiratorio sincital nos bebés e ten os cribados neonatais máis amplos de todo o Estado.
Compromiso cos cribados e coa detección precoz
Desde comezos do pasado mes de decembro, está en marcha un novo cribado para detectar cardiopatías conxénitas críticas nas primeiras 24 horas de vida dos bebés. Para iso, realízase unha proba tan simple como unha pulsioximetría indolora e non invasiva. Trátase de patoloxías que son causa dun 20 % dos falecementos ocorridos no período neonatal.
O obxectivo desta medida é detectar a enfermidade antes de que presente síntomas a través da proba do oxíxeno en sangue. Un cribado que Galicia realiza de forma universal a todos os bebés nados na comunidade.
Ademais, Galicia, xunto con Madrid, lidera un proxecto de cribado xenómico neonatal, o Cringenes, no que participan 2.500 nenos de nove comunidades. Neste proxecto, úsase a mostra de sangue do cribado habitual para realizar en paralelo unha análise prospectiva de secuenciación do xenoma. Con isto, permitirase ampliar e complementar o cribado bioquímico actual incluíndo enfermidades que, actualmente, non dispoñen de marcadores pero para os que so existen opcións terapéuticas.
É un proxecto que se leva a cabo cun consorcio de 73 profesionais liderado pola doutora Luz Couce, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, e polo doutor Miguel Moreno, do Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria. Con esta iniciativa, Galicia sitúase á vangarda dos países europeos neste tipo de accións con repercusión en saúde.
O conselleiro transmitiu que a Xunta de Galicia está plenamente comprometida cos cribados e con todas as iniciativas encamiñadas á detección precoz e á prevención. Ao respecto, insistiu en que a detección temperá é a mellor maneira de abordar as enfermidades, dándolle unha mellor atención e evitando secuelas máis graves. Por iso a Xunta de Galicia non escatima nin esforzos nin investimentos nesta materia, concluíu.