lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaOs bebés do Porriño nacen cun carné da biblioteca debaixo do brazo

Os bebés do Porriño nacen cun carné da biblioteca debaixo do brazo

O Concello dálles a benvida co seu carné e un libro para axudarlles a crear a súa primeira biblioteca

O Concello do Porriño quere que as súas nenas e nenos se familiaricen coas historias contadas dende ben pequenos e que aproveiten todos os beneficios que a lectura pode aportar nos primeiros meses da súa vida.

«Ler aos bebés é unha experiencia moi enriquecedora, para eles e para a súa familia, xa que o `momento dos libros´ pode establecer un importante vínculo entre eles», explicou Bienvenido Estévez, concelleiro de Cultura. «A lectura aporta numerosos beneficios nos primeiros anos de vida e axuda ao seu crecemento».

Por iso, a cada bebé que nace no municipio dáselle a benvida co seu carné da Biblioteca Municipal. As nenas e nenos reciben nas súas casas unha caixiña de benvida que inclúe o seu carné da Biblioteca Municipal e un libro para axudarlles a crear a súa primeira biblioteca.

Tamén inclúe unha guía didáctica para estimular a lectura nos bebés dende o seu nacemento, con moitas ideas, consellos e informacións que subliñan a importancia de lerlles durante o seu primeiro ano de vida. Ademais, reciben un saquiño de sementes e unha bolsiña para levar os seus libros.

«A cultura en xeral, e a lectura en particular, son dous piares básicos da nosa sociedade e por iso dende o Concello queremos sementar nos porriñeses e porriñesas do futuro a semente para un hábito que lles abrirá horizontes e os acompañará toda a vida», explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Cabe destacar que na sala infantil da Biblioteca Municipal as familias poden atopar moitos libros sobre lactación, crianza e educación que poden servirlles de axuda, ademais dunha sección de libros para bebés de entre 0 e 12 meses e centos de libros infantís que poden escoller para ler xuntos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS