jueves, enero 30, 2025
InicioO PaísA CoruñaA Xunta convocará 50 especialidades nas oposicións de ensino de 2025

A Xunta convocará 50 especialidades nas oposicións de ensino de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de anunciar que a Xunta de Galicia vai convocar prazas nun total de 50 especialidades nas oposicións do ensino que se celebrarán neste ano 2025, “unha información moi agardada polos aspirantes”, sinalou.

Tras remitir a proposta de distribución ás organizacións sindicais da mesa sectorial, o titular do departamento educativo do Goberno galego recordou que as oposicións contan cun total de 1.664 prazas, esgotando a taxa de reposición marcada por normativa estatal.

“Esta oferta posibilita unha maior estabilidade dos cadros de persoal, o que é tremendamente positivo tanto para os docentes a nivel individual como para o sistema, xa que permite dar continuidade aos diferentes proxectos educativos que se desenvolven nos centros”, destacou o conselleiro.

Esta proposta analizarase o vindeiro martes, 4 de febreiro, na reunión da mesa sectorial, á que a Consellería levará tanto o decreto de oferta pública de emprego como a convocatoria das probas que se celebrarán, como é habitual, a final de curso.

Por corpos, no de mestre convócanse 426 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 918 en 33 especialidades. Pola súa banda, haberá 80 prazas en oito especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP, e 10 para inspectores de educación. En canto á promoción interna, haberá 230 prazas en 32 especialidades.

“Con este novo proceso imos cubrir 120 postos por cada 100 prazas”, lembrou Román Rodríguez, quen destacou que case o 86% dos postos, un total de 1.424, serán de ingreso libre.

A oferta de emprego público deste ano eleva a 20.252 as prazas convocadas polo Goberno galego desde 2009 para renovar o cadro de persoal docente de Galicia, atendendo ás necesidades que vai xerando o sistema, “impulsando unha renovación de aproximadamente dous terzos do profesorado”, afirmou o conselleiro.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS