A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, vén de informar de que o goberno local prevé aprobar a nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico (VUT) na Coruña en Xunta de Goberno nos vindeiros días. Entre as medidas desa ordenanza, destaca que as VUT non poderán estar situadas nunha planta inmediata superior a unha vivenda.
A rexedora, acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, apuntou que esta decisión se toma nun contexto no que «nos preocupa o incremento do prezo da vivenda» e subliñou que o goberno local «está a tomar todas as medidas que están na súa man para reverter esta situación«.
Rey adiantou que dende o Concello «estamos a facilitar a construción de vivenda e de novos polígonos co fin de por fin ao problema de vivenda, mais para iso tamén debemos regular as VUT«.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, precisou as liñas de acción que recolle a nova ordenanza VUT, que establecerá os requisitos esixibles de implantación de vivendas para este tipo de usos na cidade. Entre eles, que as VUT non poderán estar situadas nunha planta inmediata superior a unha vivenda.
«Si se permitirá o seu emprazamento en plantas primeiras ou baixas, atendendo, iso si, ás especificidades do Plan Xeral en ámbitos como o PEPRI, e tamén se permitirá implantar as VUT en edificios destinados a este tipo de usos en exclusiva», concretou.
Outro aspecto fundamental da ordenanza é o axuste á legalidade. «O Concello concederá un prazo de tres meses desde a entrada en vigor da ordenanza para que as persoas titulares de inmobles VUT poñan en orde ou obteñan a súa habilitación administrativa. No caso de que non cumpran coa normativa municipal marcada no texto desta ordenanza VUT, terán que dalos de baixa no Rexistro da Xunta«, indicou Díaz Gallego.
O texto da nova ordenanza tamén estipula as pautas para declarar unha zona saturada de VUT, o que permitirá impedir a implantación de novas VUT en distritos afectados pola súa excesiva proliferación. «Por exemplo, distritos censuais da cidade nos que o número de VUT sexa superior a 0,5 por cada 100 habitantes» explican dende o goberno local.