O vindeiro domingo 16 de xaneiro, o Concello de Cerdedo-Cotobade celebra a décimo quinta edición da Festa do Petote, onde pequenos e maiores poderán degustar o menú especial da festividade á vez que desfrutar dunha xornada amenizada pola música.
O petote é considerado un plato ancestral na comarca e realízase cunha mestura de fariña de trigo e fariña de millo, dándolle forma de bolo e engadíndoo a cocer na auga onde se fai o cocido.
Durante a xornada da festa, oito establecementos hosteleiros do municipio servirán a un prezo único de 25 euros un menú que inclúe costela, chourizo, chourizo ceboleiro, lacón, patatas, verduras, cacheira, petote, postre e bebida.
Ademais, dende as 10:00h da mañá haberá na vila postos de artesanía e alimentación. A partir das 11:30h comezará O Petote Miudo, con inchables e obradoiros de elaboración de Petote. Ás 12:00h a charanga Louband realizará un pasarrúas e ás 12:30h comezará a degustación popular e gratuíta do Petote na Praza da Chan.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anima a toda a veciñanza «a participar nesta festa tan especial no noso concello», e recorda que «é importante reservar mesa nos locais que ofrecen o tradicional menú».