O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o programa Investigo 2025, con máis de 4,8 millóns de euros de orzamento. Isto ten como fin apoiar a contratación de menores de 30 anos no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Por primeira vez, a iniciativa intégrase na nova Estratexia Mocidade Activa que impulsa as oportunidades laborais e reter o talento da xente nova. No caso da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dotará con 20 millóns de euros.
A previsión é fomentar a contratación de entre 145 e 215 persoas en función dos módulos salariais que se apliquen. En convocatorias anteriores arredor do 52% dos beneficiarios continúan a traballar nas empresas que confiaron neles no marco do programa Investigo.
A convocatoria deste ano, como novidade, reserva 1 millón de euros do presuposto para as entidades privadas sen ánimo de lucro e personalidade xurídica propia que teñan como actividade principal a I+D+i.
Detalles da convocatoria
Co programa Investigo, a Xunta de Galicia apoia a contratación de persoas mozas como investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), así como en calquera outra radicada en Galicia que desenvolva a súa actividade no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación.
As contratacións serán na modalidade de contrato indefinido a tempo completo, por un período máximo subvencionado de 12 meses. As persoas beneficiarias finais do programa terán entre 16 e 30 anos. Outros requisitos é que deben de atoparse en situación de desemprego e estar inscritas como demandantes de emprego antes de comezar a relación contractual.
En concreto, estas axudas permitirán financiar a contratación por conta allea das mozas e mozos. Polo que as achegas oscilarán entre os 22.405,92 e 33.108,84 euros por persoa, segundo os módulos que se apliquen, cubrindo os custos laborais e salariais.
En referencia aos sectores, as persoas contratadas levarán a cabo as súas actividades preferentemente en eidos como o da transición ecolóxica, economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria) e dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science. As iniciativas poderán desenvolverse tamén en ocupacións en sanidade e en investigación.
Cómpre lembrar que entre os anos 2022 e 2024 a Xunta de Galicia destinou máis de 27 millóns de euros a este programa. Cóntase un total de 213 empresas beneficiarias posibilitan 863 contratacións de persoas mozas.
Estratexia Mocidade Activa
Con esta medida, a Xunta de Galicia segue a propiciar a inserción laboral das persoas mozas. Así, mellórase a súa cualificación e outórgase a posibilidade de desenvolverse profesionalmente en ocupacións con alta demanda.
Ademais, ca Estratexia Mocidade Activa busca impulsar as oportunidades da xuventude para que atopen emprego de calidade. Ou que se atrevan ao emprendemento con outras iniciativas como o programa de 1ª experiencia profesional, o Galicia Emprega Moz@s, os programas de emprego de menores de 30 anos do Sistema de Garantía Xuvenil. Ademais do novo proxecto de apoio ao emprendemento, que serve para favorecer a conexión entre mocidade universitaria con empresas usuarias da Rede de polos.