O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu esta mañá xunto ao alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, a Xunta Local de Seguridade na que se coordinou o dispositivo de seguridade da XXIX Festa da Arribada de Baiona, que se celebrará do 28 de febreiro ao 2 de marzo. No encontro tamén o tenente coronel da Garda Civil, Óscar Grañas, xunto con outros mandos da Benemérita e o xefe da Policía Local, Plácido Viéitez.
Os responsables das diferentes forzas policiais pecharon as cuestións relativas á seguridade, como a organización e control do tráfico, que prevé a posta en marcha de dispositivos conxuntos entre a Garda Civil e a Policía Local de Baiona, que contará co reforzo doutras policías locais. Neste senso, a Garda Civil valora especialmente a implantación dende o ano pasado dunha lanzadeira de transporte público directo á cidade de Vigo, ampliando a existente anteriormente ata Porto do Molle. Esta medida reduciu as alcoholemias positivas nun 20%. Aínda así, o número de positivos foi de 69, ademais de dúas infraccións penais por superar a taxa da infracción administrativa.
A Arribada, subliñaron tódalas partes, é unha “festa tranquila” gracias ao comportamento da inmensa maioría do público asistente e ao traballo policial, que conta co apoio este ano dunha rede de nove cámaras para garantir a seguridade. Ademais, a celebración volverá contar cun punto violeta.
Agárdase que á celebración desta festa medieval, que conta co recoñecemento de interese turístico internacional, acudan varias decenas de milleiros de persoas, polo que as forzas e corpos de seguridade locais e estatais revisaron hoxe o plan de autoprotección deseñado polo Concello para garantir o correcto desenvolvemento das actividades festivas nestes días.
O subdelegado do Goberno e o alcalde agradeceron explicitamente o traballo das forzas e corpos de seguridade “sen cuxo esforzo a Arribada non sería posible”. A colaboración, destacaron tódalas partes, entre a Garda Civil e a Policía Local é total e moi fluída.