jueves, enero 30, 2025
InicioNewsO PaísA Xunta celebrará en marzo feiras de emprego na Arxentina e no...

A Xunta celebrará en marzo feiras de emprego na Arxentina e no uruguais para captar talento exterior

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, compareceu esta mañá a petición propia no Pleno do Parlamento galego para dar conta dos eixes estratéxicos que impulsa a Xunta co obxectivo de dar resposta a retos estruturais do mercado «como a cobertura de vacantes ou o absentismo laboral», segundo indicou. En concreto, explicou a folla de ruta que está a seguir o Goberno autonómico «potenciando tanto a forza laboral interna como a atracción de talento foráneo —seguindo as directrices trazadas pola UE para afrontar a falta de man de obra—, sempre de xeito ordenado e da man das empresas».

En relación coa atracción de talento exterior, anunciou que na primeira quincena de marzo, a Xunta organizará feiras de emprego específicas na Arxentina e no Uruguai dentro da aposta pola colaboración institucional en materia de migración laboral, e que vai parella á coordinación coas necesidades das propias empresas galegas, que terán a oportunidade de captar talento en ambos países –nos que se iniciará esta medida de xeito piloto– para facer fronte ás súas perspectivas de crecemento e garantir a súa competitividade.

Ademais, José González fixo fincapé na necesidade de abordar políticas específicas para reducir o absentismo —especialmente elevado en Galicia— e mellorar a eficiencia na xestión das incapacidades temporais, anunciando a posta a disposición, no seo do Diálogo Social, dun informe impulsado pola Xunta para identificar as causas, avaliar como afecta á produtividade das empresas e deseñar posibles solucións.

Durante a súa intervención, González salientou que para facer fronte a estes desafíos é imprescindible avanzar da man do tecido produtivo, na liña das xornadas celebradas cos principais sectores estratéxicos para coñecer as súas necesidades de persoal e identificar as barreiras de acceso a perfís cualificados. Un conxunto de medidas, sinalou, orientadas a que Galicia goce de emprego de calidade, cun mercado laboral dinámico e cun crecemento económico intelixente, avanzando na fortaleza que reflicten os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), na que a Comunidade rexistra máis emprego que o ano anterior, con 1.153.300 ocupados —a cifra máis alta nun 4º trimestre desde 2009— e unha taxa de paro menor (8,67) que no conxunto do Estado (10,61).

Potenciación do mercado interno

O conselleiro puxo en valor as iniciativas pioneiras para casar de xeito máis eficiente a oferta e a demanda impulsadas por Galicia e que comezan no mercado interno. A este respecto, mencionou en primeiro lugar as medidas para favorecer as oportunidades laborais dos demandantes activos de emprego a través da modernización do Servizo Público de Emprego. Así, a implantación da ferramenta de intelixencia artificial EMi —galardoada pola Comisión Europea— xa ten permitido desde setembro de 2024 o perfilado competencial de preto de 24.500 persoas. Isto compleméntase coas accións encamiñadas a garantir que nas listas figuren exclusivamente aquelas persoas que realmente queren entrar no mercado de traballo co obxectivo de facer máis eficaces as políticas activas de emprego.

Baixo esta premisa, a Xunta avanza a través do programa intensivo da demanda de emprego, que xa ten facilitado desde a súa posta en marcha en xuño de 2023 que deixen de ser demandantes de emprego dun xeito voluntario máis de 12.400 persoas e que se insiran laboralmente unhas 8.500, e a incorporación en novembro do ano pasado dun compromiso de actividade —recollido na normativa estatal— que xa asinaron arredor de 35.000 persoas.

En segundo lugar, e dentro da aposta por ofrecer formación flexible e á carta do tecido produtivo, fixo fincapé en medidas tanto para a recualificación da poboación ocupada –como a reedición das microformacións a demanda das empresas que se publica mañá (4M€), os convenios vixentes con nove sectores estratéxicos para a reciclaxe profesional (7,5M€) ou a próxima edición dos Bonos Talento Empresa (2M€)— como para a poboación sen traballo, como a nova andaina das unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8M€) cuxo prazo de solicitude se inicia este venres. Así mesmo, destacou que Galicia será pioneira no impulso dun decreto a favor das microcredenciais.

González sinalou que o vernes tamén abre a nova edición do Galicia Emprega (20M€) para favorecer a entrada no mercado laboral de colectivos prioritarios, a terceira das patas do mercado laboral interno, como son as mulleres —cunha reserva específica de 1,7M€ para promover a súa presenza en sectores masculinizados—, a mocidade —no marco da Estratexia Mocidade Activa—, os parados de longa duración, emigrantes retornados ou estranxeiros.

En paralelo, lembrou que está en marcha, en colaboración con entidades do terceiro sector, a segunda edición do programa pioneiro de arraigamento para a formación destinado á integración de persoas migrantes en situación irregular e que prevé beneficiar a 180 persoas ao tempo que se dá resposta ás necesidades dos sectores económicos que máis man de obra precisan.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS