O socio minoritario do goberno pontarean remite unha convocatoria para o mércores 9 de marzo para pedirlle explicacións ao seu socio «por remitir uns orzamentos á oposición sen ter previamente consensuados co PSOE».
A xestora do Partido Socialista de Ponteareas vén de remitir unha convocatoria para o día 9 de marzo, dentro do Pacto de Goberno, para aclara o sucedido cos orzamentos para o ano 2022. E é que os socialistas consideran «unha falta de lealdade» que os do bloque remitiran o borrador dos orzamentos aos grupos da oposición antes de consensuar o documento con eles.
Explica o grupo socialista que «os orzamentos permiten invertir os recursos públicos na nosa vila polo que o PSOE considera unha falta grave á confianza cos pontareáns non terse sentado a negociar o borrador dos mesmos». Neste senso, entenden que «hai espazos sustanciais de mellora, que permitirán incrementar partidas sociais».
Así, «a previsión de ingresos que permite traballar sobre un orzamento de preto de 19 millóns de euros precisa definir aquelas prolíticas que conleven unha mellora no día a día dos nosos veciños e das nosas veciñas» e que «á espera da resposta por parte do BNG, os socialistas confían en poder avanzar e acordar uns orzamentos definitivos».