lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaDesarticulan un punto de venda de drogas no Porriño

Desarticulan un punto de venda de drogas no Porriño

Trátase dunha vivenda nunha parroquia na que se incautaron 1.668 euros en efectivo e restos de cocaína.

A Garda Civil, nunha operación conxunta realizada en colaboración con efectivos da Policía Local, desarticulou un punto de venda e distribución de estupefacientes nunha casa no Porriño. O operativo deu lugar á detención da persoa que vivía no inmoble, como presunta autora dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.
A investigación iniciouse o pasado mes de xaneiro cando se ten coñecemento de que unha vivenda situada nunha parroquia do municipio do Porriño, podíase estar utilizando como punto de distribución e venda de droga o “menudeo”, xerando na veciñanza unha situación de inseguridade pola afluencia de consumidores habituais de estupefacientes que frecuentaban o inmoble.
As investigacións realizadas confirman os indicios e despois dos dispositivos establecidos por compoñentes da Área de Investigación do Posto Principal da Garda Civil do Porriño, en coordinación cos efectivos da Policía Local, chegáronse a interceptar a varios consumidores habituais, inmediatamente despois de adquirir a droga nesta vivenda.
O operativo culminou coa detención da persoa que supostamente estaba utilizando o inmoble como punto de venda e distribución de estupefacientes aos consumidores da comarca. Trátase dunha veciña do municipio, con amplos antecedentes policiais relacionados cos estupefacientes. No rexistro, que se levou a cabo no domicilio, interviñéronse 1.668 euros en efectivo que gardaba ocultos na vivenda, ademais de varios botes e bolsas de plástico que contiñan restos de cocaína.
A detida, xunto coas dilixencias e efectos intervidos, foi posta a disposición do Xulgado de Instrución de Garda do Porriño.
Estas actuacións enmárcanse dentro da execución do Plan Director da Secretaría de Estado de Seguridade, para a Convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e a súa contorna.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS