viernes, enero 24, 2025
InicioNewsActualidadeAs BEME 2025/26 de máster en Galicia, unha opotunidade de retorno para...

As BEME 2025/26 de máster en Galicia, unha opotunidade de retorno para a mocidade galega

Diario Oficial de Galicia publicou a nova convocatoria para o curso 2025-2026, promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Secretaría Xeral da Emigración, das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster). Ademais, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, aproveitou a publicación desta novena convocatoria para reunirse con varios dos bolseiros da edición actual das BEME e unha das profesoras dun dos másteres incluídos no programa.

Durante o encontro, celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UDC, destacou o impacto positivo deste programa no retorno da mocidade galega do exterior, así como na formación de profesionais altamente cualificados en áreas estratéxicas para o desenvolvemento de Galicia. «Estas bolsas son unha oportunidade única para fortalecer o vínculo coa nosa terra, mentres axudamos a cubrir as necesidades dun mercado laboral en continua transformación», subliñou o secretario xeral de Emigración.

Os asistentes compartiron as súas experiencias persoais e profesionais, coincidindo en que esta iniciativa foi clave para o seu retorno e integración. A profesora salientou a relevancia de contar cunha comunidade internacional no ámbito académico, o que permite enriquecer a formación tanto para os bolseiros como para o resto do alumnado.

Con este programa da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia ofértalles ás persoas galegas universitarias residentes no estranxeiro a posibilidade de adquirir unha especialización entre os máis de 90 mestrados ofertados. A finalidade é adquirir competencias e habilidades que favorezan a súa inserción laboral e futuro profesional en Galicia con maiores garantías, incorporando así perfís altamente cualificados ao tecido produtivo da Comunidade. Unha liña fundamental, tanto para atender as necesidades de incorporar talento das empresas galegas en sectores absolutamente estratéxicos, como para favorecer o emprendemento por conta propia vencellado ás oportunidades que ofrece o territorio.

Estudantes procedentes de 41 países diferentes

Esta iniciativa, que ofértase dende 2017 e cun investimento global de 12,3 millóns de euros, permitiu o retorno de 1.500 mozos e mozas cunha idade media de 29 anos, procedentes de 41 países diferentes. Entre os que destacan a Arxentina, Venezuela, o Uruguai, o Brasil e o Reino Unido. A estas persoas hai que sumarlles outro medio milleiro de prazas destinadas a estudantes de FP a través do programa Retorna Talento FP.

A formación cualificada impulsada polo Executivo galego a través das bolsas de excelencia mocidade exterior (BEME) está sendo unha ferramenta fundamental para o retorno e a integración sociolaboral dos galegos e galegas universitarios que residen no exterior. Segundo os datos obtidos nas últimas promocións, destaca o grao de permanencia en Galicia —preto dun 80% —, un 60% deles con traballo e ata un 40% pensa en emprender. Así mesmo, máis dun 90% dos bolseiros recomendarían a un familiar ou amigo vivir en Galicia.

As políticas de retorno impulsadas pola Xunta de Galicia no marco da Estratexia Galicia Retorna volveron constatar a súa eficacia segundo reflicten os recentes datos publicados polo INE. Así, na Estatística de migracións e cambios de residencia 2023 -en que Galicia marca un novo fito cun saldo migratorio positivo de máis de 25.000 persoas-, a Comunidade acada por terceiro ano consecutivo unha cifra histórica de retorno. Cun total de 8.459 galegos e descendentes regresaron para asentarse de volta na súa terra de orixe -en 2021 foron 7.743 e en 2022, 7.957-.

Detalles da convocatoria

A nova edición das BEME para mestrados, ofrece 250 bolsas convocadas en réxime de concorrencia competitiva. A iniciativa destínase a mocidade galega universitaria residentes fóra de Galicia desde hai máis de dous anos, a persoas que residiron en Galicia de forma continuada durante 5 anos, con nacionalidade española antes de emigrar, ou descendentes de galegos con titulación superior que desexen realizar un dos mestrados que ofertan as tres universidades públicas galegas en calquera dos seus campus.

Todas as persoas beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral. Así, preténdese captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, e tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo en Galicia.

Os máis de 90 mestrados incluídos na convocatoria, pertencentes ás áreas de Arte e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura, foron seleccionados polo seu maior potencial de empregabilidade. Así, a oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo galego. A bolsa, que varía entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos que se van realizar, cobre os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento ou manutención en Galicia.

As persoas interesadas teñen ata o 30 de abril para presentar a súa solicitude. Toda a información encóntrase na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS