miércoles, enero 22, 2025
InicioNewsComarcasSalceda, "un municipio moi seguro cunha taxa de criminalidade case na metade...

Salceda, «un municipio moi seguro cunha taxa de criminalidade case na metade da española»

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e a alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, copresidiron a Xunta Local de Seguridade celebrada neste Concello na que se puxo en valor a estreita colaboración existente entre ambas institucións e entre a Garda Civil e a Policía Local tanto na prevención da delincuencia como na loita contra a violencia de xénero. Na xuntanza participaron, ademais de membros do Goberno local, o tenente-coronel da Garda Civil, Óscar Grañas; a directora provincial de Tráfico, Paula Yubero, e a xefa da Unidade de Prevención de Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez.

Abel Losada felicitou expresamente ao Concello de Salceda por esta colaboración e tamén pola recente aprobación do primeiro Protocolo para a prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo, un documento infrecuente nun concello deste tamaño. Na xuntanza deuse conta de que en Salceda hai 23 casos de alta no sistema de protección VioGén e un total de 21 víctimas. Deste número de casos, dous están en risco medio, 9 en risco baixo e 12 en risco non apreciado. Unha muller conta con dispositivo de afastamento do maltratador Cometa por orde xudicial. Noutros nove casos hai medidas xudiciais adoptadas, pero sen control telemático.

A Garda Civil presentou o informe anual de criminalidade que sitúa a taxa de Salceda (número de delitos por mil habitantes) en 21,2, moi por debaixo dos 30 puntos da media provincial e case na metade da taxa española, que sobe ata o 39 por mil. Ademais destacouse que Salceda só rexistrou unha denuncia por roubo nunha vivenda (no 2023 tiñan sido 7) e tamén unha diminución da ciberdelincuencia (pasando de 63 a 57 denuncias). Pola contra subiron lixeiramente as lesións (21 a 26) e as amenazas (de 8 a 18). “Salceda é un concello moi dinámico e, afortunadamente, tamén un concello moi seguro”, subliñou o subdelegado do Goberno, quen recordou que España é un dos países máis seguros do mundo “polo que os números de Salceda son espectaculares”.

En canto ao Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos explicouse que a Garda Civil chegou durante o ano pasado a 160 alumnos/as e a 4 profesores/as. Dende a Subdelegación informouse de que en breve haberá unha nova videoconferencia coas ANPA e os concellos de toda a provincia para tratar de impulsar a participación do colectivo de nais e pais nestas charlas da Garda Civil que serven para aprender sobre a prevención da ciberdelincuencia, acoso escolar, loita contra a violencia de xénero, defensa do medio ambiente e outras cuestións do máximo interese.

Finalmente, deuse conta dos bos resultados que están a achegar as cámaras de videovixiancia de tráfico na rúa Pontevedra e dende a Subdelegación pediuse ao Concello que colabore na implantación do programa “TeAutorizo” do Ministerio de Presidencia e Xustiza. Unha iniciativa que permite ao Concello, empresas, clubs e asociación que contraten a persoas que traballen con menores acceder directamente ao certificado de ausencia de delitos sexuais ou de trata do seu persoal.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS