miércoles, enero 22, 2025
InicioNewsO PaísReclaman un centro diurno para persoas adultas con Trastorno do Espectro Autista...

Reclaman un centro diurno para persoas adultas con Trastorno do Espectro Autista en Pontevedra

A parlamentaria socialista, Paloma Castro, acusou á Xunta de Galicia de “abandonar á súa sorte ás persoas diagnosticadas con trastorno do espectro autista -TEA- en canto chegan á idade adulta». Reclamou “máis inclusión e máis igualdade” a través de atención pública para as 27.000 persoas diagnosticadas con TEA en Galicia, que en canto chegan aos 21 anos perden a atención educativa e asistencial. Por iso, vense obrigadas a competir polas escasas prazas residenciais e, na maioría dos casos, quedar na casa ao coidado da familia.

A responsable socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para pedirlle á Xunta de Galicia que asuma a construción dun centro de atención diúrna para persoas adultas con TEA no Concello de Pontevedra. Ademais, o Grupo Socialista rexistrará unha serie de iniciativas para garantir a atención pública de calidade a estas persoas a nivel de toda a Comunidade Autónoma.

Paloma Castro alertou fronte ás “escasas” políticas desenvolvidas polo goberno galego para a integración, apoio e asistencia a estas persoas e ás súas familias, que precisan dunha atención “integral”, que inclúa apoios individualizados, especializados e baseados na evidencia científica “que promovan a súa calidade de vida e o exercicio efectivo dos seus dereitos”.

Tamén, sinala que estas persoas teñen acceso á educación nun centro público ordinario con apoio específico ou ben nun centro de educación especial, pero só ata os 21 anos. Sen embargo, a partir desa idade os recursos demóstranse “claramente insuficientes” con dificultades reais para atopar centros adecuados onde poidan recibir a atención que precisan. Polo que explica Castro que “non teñen máis opción que quedar na casa ao cargo de coidados familiares”.

Esta situación provoca un serio prexuízo para o seu desenvolvemento e “un problema de conciliación» para as súas familias. Paralelamente, Castro reclamoulle ao goberno galego que poña a disposición destas persoas con discapacidade e as súas familias “máis servizos, máis facilidades e máis coidados, e en definitiva máis inclusión e máis igualdade”.

Pontevedra

Paloma Castro presentou varias iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta de Galicia que asine un convenio de colaboración co Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial no que asuma o financiamento da construción dun centro de atención diúrna con prazas públicas específico para persoas adultas con TEA.

A responsable socialista lembra que na comarca non se dispón de ningún centro específico. Os máis próximos, sitúanse en Vilagarcía con 35 prazas e en Moaña con 7. Resultando “claramente insuficientes”, xa que os usuarios demandan atención durante toda a súa vida.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS