O Concello de Ponteareas convoca o proceso participativo para o deseño do Plan de Actuación Integrado (PAI) da nova convocatoria de fondos FEDER da Unión Europea.
Co obxectivo de impulsar proxectos transformadores mellorando a calidade de vida das persoas desde unha tripla perspectiva: ambiental, económica e social o Concello manterá un encontro participativo este venres día 24 ás 16:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.
Para solventar as importantes limitacións orzamentarias dos concellos que impiden grandes inversións para proxectos transformadores, a UE convoca novas axudas de apoio para as que o Concello de Ponteareas xa se está a preparar. Por este motivo, o Concello quere recoller a demanda da cidadanía e convocará distintas reunións coas persoas representantes dos colectivos veciñais, culturais, sociais e comerciais entre outros.
A concelleira de Urbanismo e Axenda 203, Silvia Fdez. Táboas, destaca a relevancia deste proceso participativo para trazar unha folla de ruta acorde coas necesidades reais da cidadanía. “Queremos escoitar as voces das veciñas e veciños para definir proxectos que non só transformen Ponteareas a curto prazo, senón que tamén garantan un desenvolvemento sostible no futuro”, afirmou.
Fernández Táboas subliñou que o Concello está a traballar intensamente para identificar as mellores oportunidades que ofrecen estas axudas europeas, poñendo o foco en iniciativas que impacten positivamente no día a día da poboación. “A participación neste proceso non só axudará a recoller ideas valiosas, senón tamén a sensibilizar sobre os retos e oportunidades que afrontamos como vila”.
A transformación urbana, social e medioambiental das vilas e cidades experimentada na última década está a crear un novo modelo, que marca un antes e un despois entre a configuración que tiñamos dos territorios e o tipo de lugares nos que queremos vivir como sociedade, dando resposta aos retos que afrontamos e poñendo no centro das decisións de inversión pública a calidade de vida das persoas.