miércoles, enero 22, 2025
InicioNewsComarcasO PP abre un período de congresos locais que arrancará o 22...

O PP abre un período de congresos locais que arrancará o 22 de febreiro en Vigo e inclúe oito convocatorias

O Comité Executivo do PP Provincial de Pontevedra vén de aprobar un novo período congresual nos ámbitos municipal e local para este inverno e primavera que arrancará o próximo 22 de febreiro en Vigo e que inclúe, inicialmente, ata oito convocatorias.

Deste xeito, este órgano de dirección, celebrado este serán na sede provincial, acordou, ademais da cita da cidade olívica, as convocatorias de Covelo para o 14 de marzo, da Lama, As Neves e Cambados para o día 22 dese mes e as de Rodeiro, Fornelos de Montes e Moraña para o día 29.

Deste xeito, queda por saber cal será a data na que se celebren congresos locais en municipios como o de Ponteareas no que, na actualidade, a popular Nava Castro ten o bastón de mando da vila do Tea pero non a presidencia do PP ponteareán. Tamén o caso doutras localidades como o de Baiona, onde goberna Jesús Vázquez Almuíña.

O Comité Executivo estivo presidido polo presidente do PP Provincial, Luis López, que expresou o seu convencemento de que este inicio do ano 2025 “é o momento idóneo para afondar e reforzar as cuestións internas do partido, xa que existe bastante tranquilidade no eido electoral tras dous anos moi intensos nos que houbo catro convocatorias que, afortunadamente, se saldaron todas elas con rotundas vitorias na provincia froito do traballo colectivo e da cercanía coa xente”.

“Estamos nun bo momento, no que os cidadáns dos 61 concellos están a recoñecer o noso traballo para mellorar día a día a súa calidade de vida e para emprender os proxectos que precisa cada territorio e por iso convocamos esta primeira quenda de congresos para seguir afondando neste modelo, moi baseado no municipalismo, e para continuar escoitando, entendendo e atendendo aos pontevedreses, xa que ademais podemos salientar con moito orgullo que somos o único partido que ten á xente como principal prioridade e como centro de todas as cousas”, manifestou o mandatario provincial.

14º Congreso Local do PP de Vigo

En canto ao calendario destes procesos internos, o 14º Congreso Local do PP de Vigo -o único que se celebrará no mes de febreiro- arrancará coa comunicación individual aos afiliados e a apertura dun prazo de 15 días, ata o 4 de febreiro inclusive, para que se inscriban para participar no mesmo.

Paralelamente, este mesmo prazo ata o citado 4 de febreiro ás 20.00 horas tamén permanecerá aberto para a presentación de candidatos cos correspondentes 50 avais de militantes que respalden a súa aspiración a presidir o PP vigués.

Xa na xornada do 5 de febreiro haberá unha reunión do Comité Organizador do Congreso (COC) para revisar as candidaturas e o cumprimento dos requisitos recollidos nos estatutos e proceder á proclamación das que sexan válidas. Ao día seguinte, 6 de febreiro, abrirase un proceso de campaña electoral interna durante 10 días.

Finalmente, o 17 de febreiro pecharase o prazo para que cada candidato presente a súa lista de integrantes para a xunta local, que terá que estar formada exactamente por vinte vogais, e ao día seguinte producirase a derradeira reunión do COC para a supervisión destas relacións de militantes antes da celebración do congreso o sábado 22 de febreiro.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS