A Audiencia Nacional acaba de darlle a razón ao Concello de Tui, que reclamou ao Goberno Central pola vía xudicial os cartos das obras de desentullo e desamiantado do barrio da Torre, en Paramos, tras a explosión de material pirotécnico rexistrada en maio de 2018. Aínda que a sentencia non é firme, neste primeiro pronunciamento da sección quinta do tribunal, o Ministerio do Interior deberá aboar 1.276.709,34 euros ao concello de Tui en concepto de axudas polas obras de limpeza urxente da zona arrasada polo polvorín ilegal.
O Concello de Tui, tras a declaración do municipio coma zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, presentara dúas solicitudes de axudas ante o Ministerio. A primeira en xuño de 2018 solicitando unha axuda de 389.087,28 euros, que fora aprobada, e outra en marzo de 2019 por importe de 887.622.06 euros que fora denegada ao considerar que non eran actuacións “inaprazables”, decisión que foi recorrida polo Concello, a quen agora a Audiencia da a razón.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a súa satisfacción por esta sentenza que “nos da a razón con esa reclamación de preto dun millón de euros que faciamos para que o Estado nos pagase os gastos que o Concello no seu día realizou para retirar os entullos do barrio da Torre, en Paramos, produto da explosión do almacén ilegal de material pirotécnico”. Enrique Cabaleiro explicaba que no seu momento se asinara un convenio coa Administración do Estado, “ e o Estado, a pesar de asinar ese convenio, non cumpriu co pagamento ao considerar que esas actuacións non foran urxentes”.
Lembra o rexedor que por unanimidade en sesión plenaria se acordou adxudicar por procedemento de urxencia eses labores de desentullo que ascenderon a preto de 1,5 millóns de euros, dos que o Estado pagara preto de 400 mil e restaban estes case 900 mil euros”. Engade que “o Concello acudiu á Audiencia Nacional e despois de case dous anos de espera temos esta sentenza favorable”. Porén engadía que “hai que ser cautos porque contra a sentenza cabe a presentación recurso de casación”.