miércoles, enero 22, 2025
InicioNewsComarcasO goberno de Ponteareas acepta as peticións de diálogo da oposición para...

O goberno de Ponteareas acepta as peticións de diálogo da oposición para modificar o regulamento do pleno

O goberno municipal de Ponteareas, liderado pola alcaldesa Nava Castro, vén de aceptar as peticións de diálogo dos grupos da oposición, PSOE, BNG e Ponteareas en Común, para modificar o regulamento do pleno, segundo puido saber Si Radio. E é que executivo local anunciou que quería cambiar o ROM (Reglamento Orgánico Municipal) posto que «en ningún pleno dá tempo a tratar todos os asuntos incluídos na orde do día e, na maioría dos casos, os asuntos que quedan sen tratar son os que presentan os grupos da oposición». A intención era rebaixar o tempo de intervención de cada voceiro da corporación así como limitar o número de mocións de cada grupo.

Con todo, os grupos da oposición en Ponteareas consideraron esta proposta como «antidemocrática» e como un intento de impoñer unha «mordaza» á participación. De feito, a voceira socialista, Vanesa Fernández, indicou que trátase dunha «modificación do regulamento municipal para quitar minutos nas intervencións da oposición nos plenos e para limitar a cantidade de mocións, rogos e preguntas que podemos presentar, sendo esta unha postura claramente ditatorial que o único que persigue é calar e amordazar á oposición». Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego denunciou que «pretenden amordazar ao pleno nunha nova decisión antidemocrática e sen previa consulta aos grupos políticos» e que se trata «dun ataque á cidadanía que representamos».

Neste contexto, na última xunta de voceiros e voceiras do Concello de Ponteareas, os grupos da oposición solicitaron que se deixara esta proposta na mesa e se procedera ao diálogo entre as distintas forzas políticas da corporación. Unha das medidas que se plantexou desde a oposición co obxectivo de chegar a un acordo é adiantar a hora de incio das sesións para que dea tempo a tratar todos os puntos da orde do día, entre outras cuestións. Insistiron, ademais, que «as formas son importantes porque o regulamento afecta a toda a corporación».

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, na última Comisión Informativa do Concello de Ponteareas, aceptou aprazar a aprobación de esta modificación do ROM co obxectivo de escoitar as peticións dos grupos da oposición, segundo puido saber o equipo de informativos de Si Radio.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS