domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño destina 224.000 euros para contratar a 43 persoas

Porriño destina 224.000 euros para contratar a 43 persoas

Trátase da maior aportación municipal da historia do Concello para a contratación de persoal

O pleno da corporación local aprobou este martes cos votos a favor do goberno local e EU SON do Porriño, e a abstención do resto dos grupos, a maior aportación municipal da súa historia para a contratación de persoal.
O custe do programa laboral deseñado polo executivo para a contratación de 43 persoas desempregadas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos roza o medio millón de euros: 450.489 euros, dos cales 226.489 corresponden á solicitude aprobada xa polo ente provincial. Os 224.061 restantes corren a cargo do Concello, que aprobou de maneira inicial a modificación orzamentaria precisa para dispoñer dese crédito.
Estes traballadores e traballadoras integraranse nos diferentes servizos e departamentos municipais:
• Obras: dous oficiais de primeira carpinteiro, un oficial de primeira soldador, tres oficiais de primeira albaneis, sete peóns de obra pública, dous oficiais de primeira electricista, un oficial de primeira fontaneiro e un oficial de primeira tractorista/condutor de grúa.
• Parques e Xardíns: doce peóns forestais.
• Unidade Asistencial a Drogodependentes: un auxiliar de enfermería.
• Servizos Sociais: un auxiliar administrativo.
• Cultura: dous auxiliares administrativos.
• Turismo: un titulado na diplomatura ou grao de Turismo.
• Novas Tecnoloxías: un técnico en informática.
• Emprego e formación: dous orientadores laborais.
• Deportes, Mercados e Cultura: seis conserxes.

Declaración institucional de rexeitamento ao concerto de Kaydy Cain en Mos
A sesión abriuse coa renuncia da concelleira Blanca Francés e rematou coa aprobación por unanimidade dunha declaración institucional contra o concerto de Kaydy Cain en Mos. A corporación manifestou a súa condena ao concerto que este cantante de trap ofreceu o pasado venres no municipio veciño de Mos, así como “a calquera outro evento musical ou cultural que ataque á dignidade das mulleres”. Tal e como reza o comunicado conxunto “ningunha expresión artística pode faltar ao respecto nin fomentar actitudes que promovan a desigualdade nas relacións entre homes e mulleres, xa que ao facelo fáltase aos valores sobre os que se cimenta unha sociedade democrática, libre e igualitaria”.
En definitiva, o Concello do Porriño “traballa para construír valores de igualdade e respecto nas relacións persoais” e por iso a corporación no seu conxunto amosou o seu rexeitamento a concertos como o de Kaydy Cain que “fan apoloxía do machismo e van en contra dos valores que defendemos”.
O BNG presentou unha enmenda, que foi desestimada, para incluír no texto que se retire a subvención autonómica que se deu á sala de festas mosense no marco do plan de reactivación post covid.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS