jueves, enero 16, 2025
InicioNewsA Xunta solicita ao Ministerio que avalíe o rescate da autoestarada da...

A Xunta solicita ao Ministerio que avalíe o rescate da autoestarada da AP9

A Xunta solicitará ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que estude a oportunidade do rescate da autoestrada estatal AP-9, tras coñecerse a contía das bonificacións aprobadas polo Goberno central, “o que cambia considerablemente o escenario, ao elevalas a máis de 81M€”. 

Así o salientou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, tras manter un encontro con usuarios da AP-9. Nesta reunión tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.

Á xuntanza asistiron representantes de oito colectivos dos sectores do transporte de mercadorías, transporte de viaxeiros, autónomos e empresarios, que amosaron a súa preocupación pola suba “desmesurada” das novas tarifas da AP-9 para este 2025. 

Allegue subliñou a este respecto que a Xunta enviará unha carta ao ministro Óscar Puente para que atenda as demandas de Galicia e estude a oportunidade do rescate da principal vía de vertebración da comunidade.

Recordou que a Xunta remitiu en setembro ao Ministerio de Transporte o estudo sobre o custe da transferencia e do rescate da AP 9, que conlevaría tamén a gratuidade do viario. Precisou que a situación hoxe é diferente porque aquel informe “partía dun custo de bonificacións para o ano 2025 de 56,3M€ e o Ministerio elévao a máis de 81M€”. 

Neste sentido, con estas novas cifras, o custo da indemnización por rescate aplicando unha taxa de desconto (2.331 M€) e o custo das bonificacións ata final de concesión, aseméllanse de xeito considerable, polo que o Ministerio debe reflexionar acerca da oportunidade de levar a cabo o rescate da concesión.

Remarcou que realizar todo o traxecto da AP-9 pasou de 25,5€ a 26,85€, un aumento polo tanto de 1,35 euros. Concretou que, por exemplo, a tarifa da viaxe entre Vigo e A Coruña subiu  de 19,40 a 20,45€, un 5,41% máis.

Destacou que estes incrementos nas peaxes están a repercutir na competitividade das empresas, tal como tamén sinalaron os usuarios do viario.

Lamentou que a AP-9 conte coas peaxes máis caras de todo o territorio nacional, existindo “un evidente agravio comparativo que a Xunta vén denunciando dende hai tempo, fronte ao silencio dun Ministerio que ignora ás demandas desta comunidade”.

A conselleira exixiu ao Goberno “respecto e seriedade”, porque ademais da suba das peaxes na AP-9, os galegos seguen sen saber cando se aplicarán as bonificacións anunciadas para os usuarios frecuentes da AP-53, entre Santiago de Compostela e Lalín, que ata agora non conta con ningún desconto.

Asistentes

No encontro celebrado hoxe estiveron representados a Confederación de Empresarios de Galicia, co seu presidente Juan Manuel Vieites; Fegatramer, con varios asistentes, entre eles os portavoces Ramón Alonso e José Carlos García; ademais de Agtamar-Upta; Apetamcor (Asociación Empresarial de Transporte de Mercancías por Estrada de Galicia); Fegabús (Federación Galega de Servizos de Transportes en Autobús); Transgacar (Federación Galega de Asociación de Transporte de Viaxeiros en Autocar); Fegatravi (Federación Galega de Transporte de Viaxeiros)e Galibús (Asociación Empresarial de Transporte de Viaxeiros por Estrada de Galicia).

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS