O cadro de persoal de Levgranite, empresa do grupo alacantino Levantina que se dedica á transformación de pedra, botouse hoxe á rúa no Porriño coincidindo coa xornada de folga convocada para rexeitar o peche da compañía e reclamar o mantemento de todos os postos de traballo. A dirección anunciou recentemente a súa intención de aplicar un ERE extintivo para 85 das 106 persoas traballadoras que ten na localidade pontevedresa, mentres que os outros dous centros de traballo de Levgranite -na Coruña e Manresa- non se verán afectados.
A manifestación promovida polo comité de empresa en demanda “dun futuro para a compañía” arrincou do cemiterio porriñés e rematou diante do Concello tras dar a volta na rotonda de Mos. Unha vez no consistorio representantes sindicais mantiveron un encontro co alcalde, “que se comprometeu a facer todas as xestións que estean na súa man”.
Neste senso, o rexedor adiantou a posibilidade de que a vindeira semana se celebre unha xuntanza con responsábeis do Igape “e posteriormente coa Consellaría de Industria”. O que xa están fixadas son as próximas reunións coa empresa no marco do período de consultas do ERE, que remata o vindeiro 6 de febreiro: este luns 20 e o martes 21.
A mobilización de hoxe coincidiu coa xornada de folga de 24 horas convocada polo comité (3 delegados/as da CIG, 3 da UGT e 3 de CCOO), que foi secundada pola práctica totalidade do cadro de persoal. Dende a representación sindical consideran que as causas esgrimidas pola empresa -perdas económicas- non xustificarían o ERE extintivo e o peche da planta.
Porque, segundo sinalan, a pesar de que este ano as contas de Levgranite pecharon en negativo o certo é que a compañía leva tempo desfacéndose de comerciais “claves” para a venda dos seus produtos. “Non dan opción a ningún tipo de negociación, unicamente din que a planta do Porriño non lles interesa e que a van pechar, deixando unicamente persoal comercial e de almacén”, denuncian dende o comité.