A Portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Barbero, e o portavoz municipal e ex alcalde de Mondariz, Xoan Carlos Montes “Calis”, mantiveron este mércores unha xuntanza de traballo para coñecer de primeira man algunhas necesidades das vilas e concellos rurais do País. Barbero puxo a disposición de Alternativa por Mondariz, e de calquera outra agrupación municipalista do País, “todos os recursos e respaldo político de Movemento Sumar” para dar traslado das súas necesidades e iniciativas ao Congreso, ao Parlamento Europeo, e ao Goberno.
Neste contexto, Sumar Galicia indica, logo da súa visita ao municipio de Mondariz, que se iniciarán os traballos e contactos «encamiñados a reformar a Lei de Bases de Réxime Local para favorecer a gobernabilidade dos concellos, evitando que motivacións políticas paralicen a actividade ordinaria«. Deste xeito, o ex alcalde, Xoan Montes Calis, indicou que «non pode ser que os alcaldes sexan votados pola corporación e despois se lles aten as mans para gobernar. Ten que haber un control do pleno, claro, pero non pode ser que a oposición decida a quen se lle paga, cando se lle paga e como se lle paga».
As propostas irán enfocadas a facilitar que incluso estando en minoría, un goberno municipal poida garantir un mínimo de suficiencia no seu funcionamento, de tal maneira que os gastos de fundamentais, e suministros, servizos básicos esencias, etc poidan ser abonados , especialmente cando se trate de provedores PEMES e autónomos.
Segundo apuntou Sumar Galicia nun comunicado, outra das medidas das que se dará traslado «de maneira inmediata é a solicitude de reducción do IVE para obras de rehabilitación do patrimonio«. Na actualidade, «existe un IVE reducido do 10% que só se aplica ás obras de rehabilitación de vivenda». Os e as de Sumar explican que «este beneficio inclúe os traballos, materiais, mobles, servizos… Calquera outra obra ten un IVE do 21%» e que con esta iniciativa «quérese instar ao Goberno do Estado a que este tipo reducido tamén se aplique ás obras de restauración e rehabilitación do patrimonio cultural para incentivar a súa conservación e recuperación por parte dos propietarios».
Esta é a primeira dunha serie de visitas que Movemento Sumar Galicia realizará por todo o País para coñecer as necesidades das vilas e concellos rurais, e así darlles traslado ao Congreso.