martes, enero 14, 2025
InicioNewsActualidadeBesteiro lanza a súa candidatura á secretaría xeral para poñer ao PSdeG...

Besteiro lanza a súa candidatura á secretaría xeral para poñer ao PSdeG «rumbo á Xunta de Galicia»

José Ramón Gómez Besteiro formalizou hoxe a súa precandidatura á secretaría xeral do PSdeG co obxectivo de poñer ao Partido Socialista “rumbo á Xunta de Galicia”. Nun acto na Alameda de Santiago, cidade que representa, dixo, «un cruce de camiños símbolo da capacidade de unir historias, voces e soños para construír un futuro compartido”. O actual líder dos socialsitas en Galicia aseverou que enfronta o proceso de primarias “con ganas e con responsabilidade”.

Besteiro valorou que será a militancia a que decida o futuro do partido. “Un militante, un voto”, subliñou como mostra da democracia interna da única organización política na que afiliados e afiliadas elixen secretario ou secretaria xeral directamente, “e en urna”, destacou. Ese liderado do Partido Socialista “en participación e transparecia” é motivo para estar “orgulloso”, asegurou.

Na súa intervención, durante a que estivo acompañado de simpatizantes e militantes, afirmou que concorre ao proceso de elección de líder socialista en Galicia “para construír un partido unido e un proxecto gañador”. Defendeu tamén que o PSdeG é “o partido das persoas, da Galicia real”, e o que loita “contra as desigualdades”.

“Quero construír un proxecto desde as bases e coas bases, desde a raíz”, adiantou, e comprometeuse a traballar para que o PSdeG “recupere o protagonismo” e sexa a alternativa de esquerdas en Galicia, “que é o lugar que lle corresponde”.

José Ramón Gómez Besteiro compareceu publicamente despois de entregar esta mañá na sede nacional do PSdeG a documentación coa que oficializa a súa precandidatura para renovar no seu cargo como secretario xeral. Á conclusión do acto repartiu rosas vermellas entre as persoas que se atopaban na Alameda compostelana, acompañado de simpatizantes e militantes socialistas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS