martes, enero 14, 2025
InicioNewsO director da RAG, Víctor Freixanes, sela a súa unión con Ponteareas

O director da RAG, Víctor Freixanes, sela a súa unión con Ponteareas

O director da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, selou, para sempre, a unión que mantén co municipio de Ponteareas. Fíxoo a través da rúbrica que deixou no libro de honra do Concello de Ponteareas, que, desde o ano 1981, recolle as sinaturas de diversos personaxes ilustres que visitan a vila do Tea.

No acto, Freixanes indicou que foi na parroquia de Xinzo onde «comprei a miña primeira gaita, co escaso diñeiro co que contaba» e lembrou que «foi na casa Represas». A unión do actual director da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, con Ponteareas vai máis aló, posto que é o autor da biografía que recolle as vivencias de un dos personaxes máis coñecidos da historia do século XX, Manuel González, coñecido como O Fresco.

Precisamente, a visita de Freixanes a Ponteareas débese á organización por parte de Xe Patrimonial dunha charla-coloquio na que o autor repasou as principais vivencias de O Fresco, socialista que, ao comezo da Guerra Civil, «se agochou nos montes de Ponteareas para evitar que o fusilaran». Con todo, «durante a Noiteboa de 1936, abatérono».

Freixanes insistiu en que «é unha honra que me recibades con tanto cariño no municipio de Ponteareas» e apuntou que «tedes o meu corazón». Tamén fixo alusión á súa etapa profesional como xornalista na que trataba asuntos relacionados coa capital da comarca do Condado durante a súa etapa en Radio Popular de Vigo e lembrou «a relación que mantiven con Pepe Castro, ao que agora me alegro de ver tan ben».

Pola súa parte, a alcaldesa, Nava Castro, apuntou no acto que «é un honra contar coa sinatura do director da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, no noso libro de sinaturas», xa que «en Ponteareas sempre son benvidas as letras e o arte». Lembrou que, precisamente, a residencia de artistas de Ponteareas se construíu arredor desta idea.

A rexedora fixo entrega dunha «menina» de Sargadelos en referencia a María Agustina, a ponteareana que aparece no famoso cadro de Velázquez, así como das famosas rosquillas de Ponteareas.

Ao acto asistiu parte do goberno municipal como o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, ou o edil de Servizos Comúns, Suso Cao, entre outros. Tamén asistiron os nacionalistas Cristina Fernández e Miguel Bouzó, do grupo líder da oposición, así como o portavoz de Ponteareas en Común, Manoel Ucha. Rafael Cotelo e Alfonso Vázquez, da UNED, así como a directora da primeira residencia de Artistas, Laura Porto, e o escritor Manrique Fernández, entre outros, formaron parte do evento.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS