A Deputación de Ourense colaborará na rodaxe da película «As Augas«, un filme con tintes autobiográficos escrito e dirixido pola actriz ourensá Ledicia Sola e cuxo guión xa foi presentado no pasado mes de outubro no OUFF Lab.
A colaboración da institución provincial con este traballo quedou ratificada nunha reunión do presidente Luis Menor coa directora Ledicia Sola e o produtor do filme, Alfonso Zarauza, que explicaron que a parte administrativa deste traballo está a piques de rematar para poder comezar cos traballos de rodaxe. Menor explicou que «a Deputación sempre está e estará ao carón da Cultura e do cine», lembrando a aposta constante da institución provincial por estas manifestacións culturais, «e neste caso era irrenunciable que a Deputación estivera neste proxecto, polo seu marcado carácter ourensán. Este proxecto non só pon en valor a creatividade ourensá, senón que tamén promociona a imaxe da nosa provincia, que é tan fundamental».
Tanto Ledicia Sola como Alfonso Zarauza amosáronse entusiasmados con este proxecto cinematográfico, así como «encantados de filmala integramente en Ourense, con temática netamente ourensá, escrita e dirixida por unha ourensá. Para nós é un orgullo, cremos no potencial da provincia, no encanto das súas vilas, beleza da súa paisaxe e na forza da súa gastronomía, da súa cultura e dos seus viños«.