Desde este xoves, 10 de febreiro, xa non teremos que levar a máscara posta ao aire libre se podemos garantir unha distancia de 1,5 metros entre persoas. Unha medida que defendía Galicia ao igual que outras autonomías e que foi acordada por unanimidade.
O Goberno pon fin á obrigatoriedade de levar máscara en espazos ao aire libre unha semana despois de que modificara o decreto para prorrogar o seu uso. A boa evolución desta sexta vaga da pandemia faille agora mudar de opinión.
Esta medida será aprobada este martes polo Consello de Ministros o vindeiro martes e entrará en vigor dous días despois, o xoves 9 de febreiro.
En España, até agora, as máscaras seguían obrigatorias en todo lugar público, pechado ou aberto, excepto praias ou contornas rurais, aínda que se puidese gardar distancia de seguridade.
A eliminación desta obrigatoriedade regularase mediante un Real Decreto que a ministra de Sanidade presentou este luns na reunión do Consello Interterritorial da Saúde, no que están presentes todos os responsables autonómicos de sanidade.
Darias defendeu que esta medida serviu de «efecto barreira» para facer fronte á variante ómicron, pero que ante a baixada dos contagios o Goberno optou por deixala sen efecto.
«Era unha medida de prudencia, polo tempo estritamente necesario ata que os indicadores aconsellasen unha decisión distinta», sinalou a ministra.
Iso si, as máscaras seguirán sendo obrigatorias en espazos interiores, unha decisión que está en vigor desde hai ano e medio, en concreto, tras o fin do confinamento na primavera de 2020.