viernes, enero 10, 2025
InicioActualidadeSanidadeA Consellería de Sanidade constata que a intensidade da gripe continúa en...

A Consellería de Sanidade constata que a intensidade da gripe continúa en nivel baixo

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á primeira semana do ano e conclúe que a intensidade da gripe continúa en nivel baixo aínda que con tendencia crecente.

Segundo os datos de atención primaria, a taxa de consultas por gripe aumentou un 29 % con respecto da semana previa e fica en 35,5 consultas por 100.000 habitantes. O incremento obsérvase en todos os grupos de idade, agás no de 5 a 19 anos, no que diminúe. O grupo coa maior taxa de consultas foi o de 20 a 59 anos e, por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi superior á da semana anterior en todas salvo na de Pontevedra e O Salnés.

O Plan sanitario de inverno da Xunta desta temporada recolle de forma innovadora a vixilancia epidemiolóxica a través das achegas dunha rede de farmacias sentinela. Desta forma, os datos remitidos á Dirección Xeral de Saúde Pública reflicten que as taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos medraron con respecto á última semana de 2024. Isto vai en consonancia coa evolución das taxas de consultas por infeccións respiratorias agudas e de ingresos con gripe confirmada.

En canto aos ingresos hospitalarios, na semana do 30 de decembro de 2024 ao 5 de xaneiro de 2025 ingresaron 107 persoas con gripe confirmada, isto é un 55 % máis que a semana anterior. Subiu a taxa fundamentalmente no grupo de maiores de 80 anos e, por áreas, a taxa de ingresos aumentou en todas agás na de Ferrol e na de Pontevedra.

No que vai de temporada da gripe notificáronse 313 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.

No que respecta á evolución da actividade gripal, o modelo matemático de predición deseñado pola Consellería de Sanidade suxire que, nas semanas 2 e 3, a taxa de consultas por gripe continúe a aumentar. Non obstante, a onda epidémica de gripe manteríase no nivel baixo de intensidade.

O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que a razón de casos por médico de covid-19 diminuíu na última semana e a taxa de consultas por bronquiolite aguda en menores de 2 anos tamén descendeu.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS