O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañou hoxe ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na súa visita ás novas instalacións do centro de saúde do Porriño, unha infraestrutura que, coa súa reforma e ampliación, «supón un salto de calidade na atención sanitaria de atención primaria para os veciños do municipio», tal e como indican desde o Concello.
Acompañado pola concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, o responsable da Sanidade galega subliñou a importancia dunha actuación na que a Xunta investiu un total de 6,2 millóns de euros, entre obra e equipamento, e coa que se optimizará a asistencia que o Servizo Galego de Saúde lle presta á veciñanza do Porriño.
Gómez Caamaño remarcou que se trata dunha actuación coa que se acadou “un resultado moi satisfactorio”, grazas á excelente colaboración entre a Xunta e o Concello, e subliñou a significativa mellora que suporá para os seus usuarios e profesionais, así como o carácter sostible dos materiais empregados nesta construción.
Gómez Caamaño avanzou, ademais, que neste mes de xaneiro o centro de saúde do Porriño realizará tratamentos oncolóxicos, o que evitará que moitos dos seus pacientes se teñan que desprazar ata Vigo.
Cos novos espazos, o centro de saúde do Porriño amplía en 1.100 metros cadrados a súa superficie, acadando agora os 2.700 metros cadrados. Conta cun novo volume de tres plantas, que acolle un novo PAC que dotado con 5 consultas, 3 de medicina e 2 de enfermería, ademais dunha nova sala de reanimación e unha área de fisioterapia, entre outros espazos.
“Reformamos o centro de saúde orixinal, modernizándoo e reordenando os seus espazos” explicou Caamaño, destacando tamén a adquisición de tecnoloxía sanitaria e novos equipos clínicos para este centro, aos que a Xunta destinou unha partida de 600.000 euros.
O alcalde, pola súa banda agradeceu a visita do responsable autonómico e a “importantísima inversión da Xunta”. “É a súa primeira visita como conselleiro ao Porriño e estou seguro que non será a última e que chegarán cargadas de investimentos e melloras para o noso Concello”, apuntou o rexedor.
Lorenzo quixo agradecer en especial “o esforzo do persoal do Centro de Saúde, representado hoxe aquí pola xefa de servizo, Ángeles Charlie, sen eles non sería posible levar a cabo estas melloras. Durante os case dous anos de obras non pararon a súa actividade nin un só día e non aprazaron ningunha cita, e ese esforzo que fixeron por seguir prestando atención aos usuarios e usuarias é encomiable”.
Reunión de traballo con Osílice
Ao remate da xuntanza os responsables autonómicos e municipais mantiveron un encontro coa directiva da Asociación de Afectados por Silicose, OSÍLICE. Na mesma participaron o presidente da asociación, Orlando Márquez, o vicepresidente, Serafín Ramilo, e o secretario, Saturnino Riveira. Na mesma tamén participou o xefe de Neumoloxía da Área Sanitaria de Vigo, Alberto Fernández Villar.