O Concello do Porriño e o Centro Tecnolóxico do Granito establecen vías de colaboración
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e as concelleiras de Urbanismo e Patrimonio Municipal do Solo, Antía Carrera, e Industria, Emprego e Formación, Rosario Costas, visitaron hoxe as instalacións do Centro Tecnolóxico do Granito en Torneiros.
O Coordinador do Consello Directivo da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, José Angel Lorenzo, informou aos representantes municipais das actividades que se desenvolven na entidade e das liñas de traballo previstas para este ano 2022.
Tras unha breve reunión informativa, procedeuse á visita das instalacións do Centro Tecnolóxico, que alberga nas súas dependencias MINERGAL, o Museo de Minerais de Galicia, onde deu comezo a visita. A Directora do Museo, Nuria Sánchez Delgado, fixo un breve repaso ao contido da colección de minerais e fósiles, explicando ao alcalde o público obxectivo e a loxística das visitas.
Continuaron nas dependencias máis técnicas do Centro, os laboratorios de pedra e áridos, onde se informou ao alcalde e concelleiras dos ensaios máis habituais en pedra natural, así como doutros traballos técnicos que se realizan por parte dos servizos técnicos e de consultoría da entidade.
Durante a visita, puideron coñecer as capacidades da entidade, de cuxo Patronato é membro o Concello do Porriño, para favorecer o desenvolvemento do sector do granito. Tal e como manifestou Lorenzo “o Centro Tecnolóxico do Granito realiza un traballo relevante para este sector, que é unha das actividades empresariais máis importantes do municipio. Ademais do seu traballo técnico, de innovación e de consultoría, o Centro dispón do museo MINERGAL cuxo indubidable valor didáctico aproveitaremos e poñeremos a disposición dos escolares do Porriño e de expertos en minerais”.
O rexedor mostrouse favorable a establecer colaboración entre ambas entidades tamén no eido do emprego, da formación e da dinamización empresarial, “estou seguro que as posibles colaboracións que hoxe abordamos nestes campos serán útiles e beneficiosas para O Porriño”.