A Asociación de Nais e Pais de Alumnos “Pena do Equilibrio” entregou este mércores á Consellería de Educación da Xunta de Galicia 1.500 sinaturas que se recolleron nunha iniciativa cidadá para demandar «un incremento do profesorado de apoio destinado a atender as necesidades educativas especiais do alumnado de CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas», segundo indican nun comunicado.
Neste contexto, a ANPA explica que «o centro, na actualidade, ten case 60 alumnas e alumnos diagnosticados que precisan de distintos apoios para poder ter unha educación en igualdade de condicións que o resto do alumnado» e indica que «levamos, desde o principio de curso, cunha situación precaria que cada día que pasa faise máis insostible». As nais e os pais deste colexio de Ponteareas insisten en que «a consellería ten que reaccionar de inmediato adxudicando, de xeito estable, un maior número de profesorado de apoio».