Os efectos da chuvia e do vento en Galicia deixan medio cento de incidencias na comunidade, segundo os datos de Emerxencias, especialmente nas provincias da Coruña e de Pontevedra. De feito, na primeira delas permanecen activas alertas amarelas e laranxas por metereoloxía adversa, tanto no mar como en terra.
Entre as máis das 60 incidencias na comunidade, o boletín do 112 Galicia recolle que un particular alertou ás 08:50 horas de que se atopaba atrapado pola auga dentro do seu portal, na rúa Areal de Vigo. Segundo o seu relato, non era capaz de saír ao exterior pola forza da corrente, que estaba empezando a anegar o interior do edificio. Acudiron Bombeiros de Vigo ata o lugar.
Máis de 60 incidencias
Entre as 00 e as 09 horas, o 112 Galicia leva rexistradas un total de 65 incidencias. A provincia máis afectada é a da Coruña (47), seguida de Pontevedra (17) e Lugo (1). En canto aos concellos, destacan Santiago (10), e Brión, Oleiros, Ames e Vigo, con 3 cada un.
Ata o momento, as incidencias máis repetidas teñen que ver coa presenza de pólas ou árbores nas vías de comunicación (27) e coa chuvia, que está a provocar problemas en vivendas (catro anegamentos rexistrados ata o momento) e estradas (17 obxectos ou restos de accidentes e dous anegamentos).
Destaca, de igual xeito, o anegamento dun colexio situado na rúa de Blanco Nájera, en Santiago de Compostela. A parte de abaixo do centro quedou asolagado e os nenos e as nenas están retornando aos seus domicilios. O aviso chegou ás 7:50 horas a través dun particular, e no operativo participaron os Bombeiros e a Policía Local de Santiago.
Tamén, en Santiago de Compostela, rexistráronse varios avisos por anegamentos en estradas. Na vía Edison, en San Caetano, diversos particulares explicaron sobre as 7:45 horas que estaban enriba dos seus vehículos porque a altura da auga era considerable, o que obrigou a intervir aos bombeiros municipais.
Pola súa banda, o GES de Brión explicou que na súa zona estaban actuando nunha vintena de vivendas anegadas. Pouco antes das 8 horas un particular daba conta de dous ríos desbordados neste mesmo concello.
Por outra banda, en Lousame, unha muller tivo que ser rescatada do seu vehículo polo GES de Boiro: un río desbordado provocou que o coche fora arrastrado pola corrente ao longo dunha pista forestal do lugar de Cernande, en Tállara. A implicada atópase en bo estado.
Accidentes de tráfico
En canto a accidentes de tráfico, un coche colidiu contra unha árbore que se atopaba na estrada na AG-55 ao seu paso por Gándara (Zas) e acabou dando varias voltas de campá. Ocorreu minutos antes das 8 horas e este operativo participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Garda Civil de Tráfico, así coma os servizos de mantemento da estrada.
En canto aos concellos máis afectados, neste momento Santiago de Compostela é o que conta con máis avisos activos, sobre todo por anegamentos en estradas, baixos e vivendas. Outros avisos por vías asolagadas chegan desde os concellos de Ribeira, Carballo, Moaña, Vigo ou Noia.