Ano tras ano o prezo do aluguer dunha vivenda aumenta, facendo máis inaccesible o acceso á mesma. No último ano, e segundo indica o balance anual do portal inmobiliario Idealista, o prezo do aluguer dunha vivenda en Galicia aumentou con respecto a decembro de 2023 nun 9,4% e concretamente na provincia de Pontevedra nun 6,1%, converténdose deste xeito nunha das principais preocupacións dos cidadáns e cidadás.
Neste contexto, empregando como motor de busca os principais portais inmobiliaros online Fotocasa e Idealista e escollendo como filtro un piso de dúas habitacións (ou máis) e que estea amoblado, o municipio do Condado – Paradanta con menor prezo por piso é Arbo.
No concello de Arbo, os veciños e veciñas da área que desexen ubicar alí a súa vivenda poden atopar a opción dun piso de 3 habitacións por 300 euros ao mes.
Os municipios que acadan o segundo e terceiro posto desta clasificación son Crecente, cun aluguer de 395 euros por un piso de 3 habitacións e Salvaterra de Miño, cun aluguer de 450 euros por un piso de 2 habitacións.
Cómpre salientar a escasa oferta que existen nos municipios desta comarca, posto que, por exemplo, en As Neves só existe un piso en aluguer nestas plataformas ou en Covelo únicamente aparecen dúas casas para arrendar, tendo deste xeito un prezo máis elevado ao tratarse de casas e non de pisos.
Concretamente, o prezo do aluguer en As Neves é de 500 euros con cociña compartida e as vivendas de Covelo teñen un prezo máis elevado, cun custe de 700 euros unha delas, e 750 euros a segunda.
En algúns concellos, como Mondariz ou Mondariz – Balneario ningún piso reúne as características solicitadas de ter dúas habitacións e estar amoblado. De feito, no caso de Mondariz só hai dispoñible un piso dunha habitación e sen amoblar a un prezo de 420 euros.
En Mondariz – Balneario ocorre o mesmo, cun prezo de 425 euros por un piso dunha habitación, e outro inmoble de 2 habitacións que tan só se aluga en tempada escolar a un prezo de 450 euros.
No lado oposto, atópanse os municipios da Cañiza e Ponteareas cos alugueres máis altos de toda a comarca, tendo en conta o filtro de piso de dúas ou máis habitacións amoblado. No caso da Cañiza, as plataformas de aluguer mostran un piso por valor de 500 euros e outro a un prezo de 550 euros, ambos de dúas habitacións. Pola súa banda, os alugueres en Ponteareas parten de 480 euros por un piso de dúas habitacións, habendo tamén dispoñible un piso dunha habitación a un prezo de 500 euros.