Os sismos producíronse a primeira hora da tarde no océano Atlántico.
Un terremoto de magnitude 3,7 graos e outro de 4,6 graos (inicialmente cuantificouse en 4,2) na escala de Ritcher sacudiron a costa galega a primeira hora desta tarde. O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou estes sismos ás 14.57 horas e ás 15.44 horas, respectivamente, no océano Atlántico, á altura de Ribeira e de Porto do Son.
Ambos terremotos, de categoría 3 e 4, sentíronse en practicamente toda a provincia de Pontevedra e A Coruña, dende A Guarda ata o propio centro da Coruña, aínda que tamén se sentiu en puntos do interior da comunidade, coma en Monforte de Lemos e Lugo. Vigo e as comarcas do Baixo Miño, Val Miñor, Louriña, Condado e a Paradanta foron testemuñas desde sismo e os comentarios de veciños e veciñas nas redes sociais sucedéronse dende o primeiro tremor.
As magnitudes deste dous terremotos son maiores ás do rexistrado o pasado domingo en Mondariz, de 3,4 graos, o segundo de maior intensidade na provincia de Pontevedra desde que se teñen datos e que se sentiu en máis dunha vintena de localidades galegas.
Estes non son os únicos sismos rexistrados nas últimas semanas en Galicia, onde o municipio de Covelo foi o epicentro dunha vintena de terremotos de pequena intensidade.
Ademais, hoxe, tamén se produciu outro terremoto en Galicia, concretamente na comarca do Baixo Miño. Foi ás 3.34 horas da madrugada cando se rexistrou un sismo de 1,9 graos en Tomiño.