sábado, diciembre 21, 2024
InicioNewsComarcasPontón propón aumentar o investimento en I+D+i até o 2,5% do PIB...

Pontón propón aumentar o investimento en I+D+i até o 2,5% do PIB na súa visita ao Porriño

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo dende O Porriño a posta en marcha dun plan de fomento tecnolóxico e industrial. O obxectivo é que permita a Galicia incrementar o peso da industria ate o 25% nos próximos oito anos. Así mesmo, acadar un gran pacto pola ciencia que sitúe o investimento en I+D+i no 2,5% do PIB.

Así o avanzou logo de visitar no polígono porriñés das Gándaras as instalacións de CEAMSA, empresa cunha ampla carteira de produtos que distribúe por todo o mundo. Esta carteira conta con usos moi diversos que van desde a alimentación, ao farmacéutico ou ao cosmético. Nesta ubicación exemplificou a capacidade que ten Galicia para “poder producir, poder innovar e desde aquí exportar a todo o mundo”.

A portavoz nacional agradeceu ao presidente da compañía, Íñigo Alzueta, e a todo o seu equipo, unha visita que enmarcou na rolda de contactos que o BNG está a desenvolver para coñecer de primeira man as necesidades do tecido económico do País. Neste sentido, subliñou a aposta do Bloque por acadar un maior peso industrial na economía galega, “con empresas innovadoras e sostibles que permitan darlle un futuro mellor aos galegos e ás galegas”, apuntou.

Propostas da formación nacionalista

Con este obxectivo, debullou algunhas das propostas da formación nacionalista, a comezar pola posta en marcha dun plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial para conseguir que a industria represente o 25% nun horizonte temporal de oito anos.

“É un obxectivo irrenunciable que en Galiza gañemos músculo industrial”, recalcou, para apostar a continuación pola creación de emprego de calidade. Tamén polo impulso de empresas e industrias innovadoras que teñan na tecnoloxía e no desenvolvemento a súa base” para transformar en riqueza todo o potencial que hai no país.

A segunda proposta do BNG pasa por impulsar un gran pacto galego pola ciencia que
permita incrementar o investimento en I+D+i até o 2,5% do PIB, un reto que cualificou de “fundamental”, dado que agora se sitúa arredor do 1%, a metade do que invisten os países europeos.

En terceiro lugar, Pontón defendeu tamén a necesidade de crear o INNOGAL, unha entidade similar ás que funcionan con éxito en Euskadi (Ikerbasque) e Catalunya (ICREA), co obxectivo de facer da ciencia un factor estratéxico para o desenvolvemento de Galiza.

“Unha potente ferramenta de captación e de retención de talento e que sirva ao mesmo tempo como revulsivo no ámbito económico á hora de que as nosas empresas aposten máis pola innovación, a ciencia e o desenvolvemento tecnolóxico, que nos parece que son piares claves para o futuro do noso País”, afondou.

A enerxía como factor de mellora da competitividade

Por último, a líder nacionalista tamén avogou para que a enerxía se converta nun factor de mellora da competitividade, para o que considerou necesario poñela ao servizo de PEMES e industrias, ademais do das familias. Por iso, incidiu na proposta do BNG de impulsar unha tarifa eléctrica galega que permita abaratar o recibo da luz tanto a nivel doméstico como empresarial e industrial, compensando a Galiza polos custos ambientais e sociais de ser zona produtora e exportadora de enerxía.

“Unha rebaixa da factura da luz é un elemento moi potente de mellora da competitividade das nosas empresas e tamén un elemento moi potente á hora de atraer empresas e que Galiza poida gañar ese músculo industrial que nos fai falta para ser un país con futuro”, concluíu.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS