lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaO "quiosco de Mucha" de Porriño transformase nunha biblioteca

O «quiosco de Mucha» de Porriño transformase nunha biblioteca

No patio do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios.

 O coñecido Quiosco de Mucha iniciará unha nova etapa este curso transformado en Biblioteca de Patio do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios. O que foi un dos elementos máis representativos da Praza Arquitecto Antonio Palacios instalouse alí na década dos 90 e varias xeracións de porriñeses e porriñesas compraron nel prensa e lambetadas. Tras varios anos en desuso e atopándose nunhas pésimas condicións, o Concello decidiu retiralo no ano 2016 e desde entón permanecía tirado nas instalacións municipais de Torneiros.

Foi alí onde Tatiana Pérez, responsable de Biblioteca deste centro escolar de Torneiros e impulsora da iniciativa, o vía cada mañá ao acudir ao cole. «O quiosco de Mucha é algo especial para todos os porriñeses e pareceume que sería interesante reutilizalo», explica Tatiana, «desde hai anos levamos a cabo un plan de mellora do patio e tamén pretendemos levar a lectura a máis espazos do centro. O quiosco é perfecto para axuntar ambas as cousas reconverténdoo nunha biblioteca de patio onde os nenos e nenas poidan coller libros para ler e tamén xogos de mesa no recreo».

Neste sentido, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou o colexio para interesarse polo proxecto e comprometeuse a colaborar no que sexa necesario para a súa posta en marcha. Así, o Concello levará a cabo a restauración e posta a punto do quiosco, que inclúe o cambio de xanelas, reparación do interior e instalación de chan.

A Lorenzo parécelle «unha idea marabillosa e faime unha especial ilusión que este quiosco tan emblemático da nosa vila se convirta nun lugar que albergue libros e reivindique o hábito de ler entre os máis pequenos como unha alternativa de lecer» e lembrou que «os nenos e nenas do Porriño de entón crecemos acudindo ao quiosco de Mucha e alégrame enormemente que os nenos  e nenas do Porriño de agora poidan seguir facéndoo».

O rexedor anunciou que esta semana comezará unha ronda de visitas aos centros escolares para coñecer da man dos seus equipos directivos as necesidades que presentan. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS