Un familiar deu a voz de alarma porque levaba unha semana sen saber deles.
Era a primeira hora da tarde deste venres cando a Policía Local de Mondariz entrou nun domicilio da Praza España do municipio para saber do paradero dunha muller de 90 anos e do seu fillo sexagenario. Foi un familiar o que deu a voz de alarma logo de levar unha semana sen saber nada dos dous. Os efectivos da Local forzaron a porta da vivenda e atoparon os corpos sen vida.
O departamento da Científica da Garda Civil atópase no domicilio para investigar as circunstancias das mortes e para examinar os cadáveres, aínda que todo apunta a que non existen signos de violencia no lugar do suceso.