A Federación de ANPAS do Condado Paradanta e Louriña (FANPO) convoca unha concentración para mañá, xoves 19, ás 19:00 horas diante da Casa do Concello de Ponteareas para esixir máis profesores especialistas «que atendan ás necesidades do alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) e necesidades de apoio educativo (NEAE)», segundo apuntan nun comunicado.
A FANPO explica que os colexios CEIP As Veigas e CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera están en «situación de urxencia ao ser insuficiente o número de profesionais que atenden aos preto de douscentos nenos e nenas diagnosticadas». En concreto a FANPO sinala que no CEIP As Veigas a ANPA O Loureiro informan de que «dos 399 alumnos e alumnas que están matriculados, 140 están diagnosticados como ACNEAE» e no caso do Ramiro Sabell Mosquera, «no que estudan 295 nenos e nenas, hai 59 con diagnóstico ACNEAE».
As ANPAS destes centros e a FANPO consideran que «non se pode atender aos números dun catálogo sen analizar a situación puntual dos centros e avaliar non só o número de casos, tamén os graos de discapacidade, existindo casos de ata un 70% de discapacidade que precisa para si mesmo unha única profesional».
A FANPO pide o apoio de todas as forzas políticas para acadar «o apoio da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e ser escoitados».