Os encontros oficiais de balonmán autonómico que se vaian a celebrar ata o 18 de xaneiro de 2025 disputaranse sen presenza de público. Así se decretou na reunión mantida entre os clubes, o colectivo arbitral e a xunta directiva da Federación Galega de Balonmán.
A decisión vén determinada en base aos actos de violencia acontecidos a pasada fin de semana durante a celebración dun partido da categoría cadete feminina entre o Sanxenxo Balonmán e o Rasoeiro, cando o pai dunha xogadora agrediu ao avó dun árbitro.
O fin desta iniciativa é «sensibilizar a toda a masa social da responsabilidade conxunta e da importancia de actuar en bloque contra unha lacra que vén aumentando de xeito preocupante nos últimos anos», aseguran dende a Federación Galega de Balonmán. Ademais, «a decisión de xogar a porta pechada, tamén busca provocar unha reacción nas institucións competentes para crear unha regulación contundente que ampare este deporte».
Do mesmo xeito, este luns, a Comisión Galega de Control da Violencia acordou abrir un expediente sancionador ao agresor por «infracción moi grave», o que poderá supoñer unha multa de entre 60.001 e 650.000 euros e a realización de traballos sociais no ámbito deportivo. Ademais, poderá ter a entrada prohibida a calquera recinto deportivo durante un período de entre dous e cinco anos.