O Castelo de Soutomaior será un dos epicentros dentro da programación de Nadal que oferta a Deputación de Pontevedra para estas datas. Deste xeito, ademais das visitas teatralizadas e os contacontos para os máis pequenos, a partir do día 26 porase en marcha un xogo de escapismo e un espectáculo de videomapping na Torre da Homenaxe.
Concretamente, o xogo de escapismo celebrarase os días 26 e 27 de decembro e 2, 3, 4, 11 e 12 de xaneiro con pases ás 11:00h, 12:00h, 16:00h, 17:00h e 18:00h e as entradas poderán adquirirse a un prezo de oito euros na web do Castelo de Soutomaior.
A actividade está plantexada para un público familiar, onde as persoas participantes serán trasladadas ata o século XV, para revivir o asalto ao Castelo de Soutomaior así como as Revoltas Irmandiñas.
O xogo durará 60 minutos, e os participantes deberán demostrar as súas habilidades de resolución de enigmas mentres exploran os recunchos máis segredos do castelo.
Por outra banda, a partir do 21 de decembro proxectarase o espectáculo de videomapping na Torre da Homenaxe do Castelo. A representación é de acceso gratuíto e para todos os públicos. As proxeccións realizaranse todos os días de forma continuada cada media hora, dende ás 19:00h ás 20:30h. Os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro non haberá proxeccións.