A parroquia de Alxén, en Salvaterra de Miño, acollerá a partir deste sábado 21 o seu tradicional Belén Artesanal, que ocupa unha superficie de 25 metros cadrados e conta con máis de 300 figuriñas, casas iluminadas, muíños en movemento, fontes, música ambiente e incluso un río con auga natural.
Nel están representados diferentes oficios da época como o pastoreo, a carpintería, a pesca, o comercio, etc, así como, unha mistura paisaxística entre a de Belén e a propia paisaxe galega e máis dunha ducia de figuras artesanais antigas.
O nacemento, que conta con máis de 60 anos de tradición, abrirá as súas portas para o desfrute da veciñanza, maiores e cativos e todas aquelas persoas que se queiran achegar a contemplar esta arte tan lonxeva.
O horario de apertura é de luns a sábado de 16:00h a 19:00h e domingos e festivos de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 19:00h e poderase visitar ata o 6 de xaneiro no salón parroquial ao carón da Igrexa de San Paio de Alxén.
Pola contra, o nacemento xa recibiu unha visita previa á súa inauguración. Foron os nenos e nenas de infantil do CRA A Lagoa do colexio A Vesada de Alxén os encargados de abrir este ano as instalacións e poder desfrutar en primeiro lugar da tradición da súa parroquia.
Marcos Blanco, o artista detrás deste tradicional nacemento
Marcos Blanco é o veciño de Alxén encargado dende hai máis de 20 anos de facer este tradicional Belén. Foi aos seus 16 anos cando a Igrexa de Alxén, encargada por aquel entón de realizar este Belén, deixou de facelo. Nese momento, foi Marcos, apaixoado polos nacementos dende pequeno, quen decidiu continuar coa tradición da súa parroquia.
«A miña familia de Pontevedra levábame pola ruta de Beléns da cidade cando era neno, e dende entón eu facía o meu belén na casa encima dunha mesa. Cando a igrexa de Alxén deixou de facelo, propúxenme facelo eu, como non podía ser doutra forma», conta Marcos.
O artista asegura que «a paixón é a mesma que a de fai 20 anos, e máis se cabe dende que naceu a miña filla». Ademais, «o belén tamén o realizo na memoria de moitas persoas da parroquia, familia e veciños que xa non están con nós«. «A parroquia sempre me apoiou, e iso me fai sentir orgulloso e motivado», reafirma Marcos.