O Concello de Tui reafirma a súa aposta pola reciclaxe e a recollida selectiva do lixo coa adquisición de novos contedores para illas de reciclaxe. Con esta incorporación incrementarase en case 90.000 litros a capacidade de recollida selectiva. Grazas á novas unidades que se porán a dispor da cidadanía aumentarase en 28.800 litros a capacidade de recollida de envases lixeiros, 30.000 para cartón e outros 30.000 para a recollida de vidro.
Tui vai investir 44.172,26 euros, recollidos na partida correspondente dos orzamentos municipais de 2024, para a adquisición deste novos colectores. Rematado o proceso de licitación será a empresa galega Formato Verde a encargada de subministrar as novas unidades de colectores.
Así foron adquiridos 20 contedores de carga pluma de polietileno retomoldeado, cunha capacidade de 3.000 litros dos que 10 se destinarán á recollida selectiva de papel e cartón. Por isto terán a boca de depósito de cor azul, e outros 10 serán para a recollida de vidro, polo que a boca será de cor verde.
Tamén se comprarán 36 novos contedores de carga traseira de polietileno retomoldeado, cunha capacidade de 1.200 litros, de gran resistencia e robustez que contan amais cunha coidada estética. En concreto serán subministrados 24 unidades de tapa amarela para envases e 12 colectores de tapa verde para a recollida da fracción resto, lixo non reciclable. Estes contedores contan coa opción de poder instalar un sistema electrónico de apertura/peche mediante tarxeta de identificación RFID ou con sistema de chave prisioneira.