A tempada de pesca deste ano en Galicia comezará o vindeiro 16 de marzo e rematará o 31 de xullo, tal e como establece a orde anual publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia na que se recollen as normas xerais de pesca das distintas especies ictícolas nas augas continentais galegas.
Así, no caso concreto do salmón, o período hábil abranguerá desde o 1 de maio ata o 31 de xullo, salvo no caso dos tramos compartidos do río Eo, e nos coutos de Betanzos e do río Ulla onde rematará o 30 de xuño. En todo caso, poderá adiantarse o remate da tempada en función das capturas.
A cota de captura establécese nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. A ratio anual no río Ulla queda fixada en 7 exemplares; no Mandeo os exemplares serán 2; no caso do río Masma a cota é de 10 salmóns; no Miño fíxase en 2; e no couto de Salmeán, en 10. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.
En relación cos engados, poden ser naturais autorizados —como as miñocas e quisquillas— ou artificiais, que son elaborados imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren capturar —por exemplo, a mosca artificial, a culleriña e peixes artificiais ou semellantes—.
Pesca do reo
A tempada hábil para a pesca do reo, en xeral, comezará o 1 de maio e rematará o 31 de xullo. En todo caso, prorrogarase nos coutos de Betanzos, Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Xuvia e Lambre ata o 30 de setembro; e ata o 31 de agosto no caso de Ponte Arnelas, Pontevea, Santeles, Sinde e Ximonde.
A cota de captura establécese en dous exemplares por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 35 centímetros, pero no caso do río Eo compartido será de 25 centímetros.
Sobre os engados, nos caso dos artificiais permítense os mesmos que para o salmón, ao que se suma tamén o risco. No que respecta aos naturais, autorízanse todos, agás calquera tipo de ovas de peixes e o peixe natural; e en augas salmoneiras tampouco se permiten os cebos naturais, só os autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.
Pesca da troita
Para esta especie a tempada comezará o 16 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña o inicio atrasarase ata o 1 de maio.
Como norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e por persoa, cunha talla mínima de 19 centímetros. En canto aos engados, son os mesmos que os da tempada pasada.
Por outra banda, este ano védanse en todas as masas de auga as seguintes especies: cangrexo de río, reñosa, espiñento, zamborca e anguía. A pesca da saboga só se autoriza no tramo do río Ulla comprendido entre a presa de Couso e a desembocadura entre o 1 de maio e o 8 de xuño.
Así mesmo, autorízase exclusivamente dentro dos ámbitos territoriais que se indican na orde a pesca das seguintes especies exóticas invasoras: perca americana, carpa, cangrexo vermello americano e cangrexo sinal.
Xornadas hábiles
Con carácter xeral, decláranse os luns como días inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto festivos nacionais ou autonómicos, que serán hábiles segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.