O alumno de 6º curso de Primaria do CEIP Plurilingüe de Caldelas, Bruno Ferreira Martínez, é o gañador do concurso de debuxo escolar convocado polo Concello de Tui para a elección da postal de Nadal deste Concello para este ano 2024. O xurado recoñeceu na obra deste alumno, de 11 anos de idade, unha boa capacidade técnica na representación da imaxe máis significativa da vila, como é a catedral de Santa María.
Neste certame participou o alumnado de catro centros educativos do municipio. En concreto o CEIP de Pazos de Reis, o CEIP de Randufe, o CEIP de Caldelas e Colexio Santa María – Maristas, que presentaron cada un unha escolma de doce postais para a valoración do xurado.
O segundo premio do concurso correspondeu a Enzo Alonso Bouzada de 3º curso de Educación Primaria do CEIP de Pazos de Reis. Así mesmo, o terceiro galardón foi para Adrián de Sousa Martín de 5º curso de Primaria do mesmo centro educativo. Os premios consisten nun lote de material de debuxo e escolar para cada un dos tres galardoados, xunto á impresión da postal gañadora como felicitación de Nadal do Concello tudense.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, manifesta que “é unha satisfacción a continuidade deste concurso de debuxo escolar. Este permite promover a capacidade creativa dos nenos e nenas tudenses con motivo das festas de Nadal. As súas obras son, dende hai catro anos, a imaxe representativa da felicitación de Nadal de Tui”. Engade Sonsoles Vicente que esta é unha iniciativa máis desenvolvida polo Concello de Tui dentro do traballo que realiza para lograr o recoñecemento como “Cidade Amiga da Infancia”.