O Centro Sociocomunitario de Porriño acolleu hoxe a entrega de diplomas aos participantes do obradoiro «Cultiva a Mente». Este programa, impulsado polo Concello do Porriño en colaboración con AFAGA, promove un envellecemento activo e saudable. Este proxecto contou coa participación de 15 persoas maiores de 55 anos que durante varios meses traballaron na prevención do deterioro neurodexenerativo. Isto mediante actividades centradas na estimulación cognitiva, física, emocional e social.
O acto estivo presidido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Política Social, Teresa Veloso, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, quen felicitou aos participantes. O rexidor local destacou a importancia de iniciativas como esta, subliñando que «coidar da nosa saúde física e mental non só mellora a nosa calidade de vida. Tamén permite manternos activos e independentes durante máis tempo” e reiterou o seu “forte compromiso coas persoas maiores, intentando responder ás súas necesidades e preocupacións».
Os participantes, que acudiron semanalmente ao centro sociocomunitario, destacaron o carácter práctico e dinámico das actividades. Estas accións permitíronlles non só adquirir coñecementos, senón tamén reforzar a súa autoestima e conexión social. Como sinalou o alcalde, esta actividade “non só lles ensina a coidar a súa mente, senón a entender que son parte activa de súa propia saúde. A clave está en involucrar ás persoas maiores na construción do seu benestar, nunha contorna que respecta os seus ritmos e necesidades».
«Cultiva a Mente»
O obradoiro «Cultiva a Mente» deseñouse como unha resposta integral para fomentar hábitos saudables e proporcionar ferramentas prácticas na vida cotiá dos participantes. Máis aló dos beneficios físicos e cognitivos, este programa tamén buscou fortalecer a capacidade dos asistentes para afrontar os desafíos actuais. Estes retos van desde o acceso á dixitalización ata o compromiso cunha vida activa e sostible.
O grupo retomará o programa á volta das vacacións de Nadal e desde o Concello anunciaron que crearán novos grupos ante a forte demanda.