96 alumnos de sexto curso de Educación Primaria dos colexios de Mos visitaron esta mañá o Parlamento de Galicia. Estiveron acompañados pola alcaldesa, Nidia Arévalo; e a concelleira de Educación, Julia Loureiro. Ademais, a edil mosense e deputada autonómica no Parlamento, Feli Rodríguez, participou na visita.
A actividade foi promovida e organizada desde o Concello de Mos dentro do programa municipal de actividades en horario lectivo. O obxectivo principal desta visita é que o alumnado de sexto de Primaria coñeza de primeira man o funcionamento do Parlamento de Galicia, que é o máximo órgano de representación do Pobo Galego.
Outros obxectivos desta iniciativa son, tal e como explicaron as representantes municipais Arévalo, Loureiro e Rodríguez Carrera “coñecer as dependencias e funcionamento do Parlamento Galego dunha maneira máis directa. Entender a separación de poderes propia das democracias. Tamén recibir toda a información sobre o funcionamento e competencias da institución”.
Nesta visita participaron diversos centros educativos como o CEIP Mestre Martínez Alonso con 21 alumnos e o CEIP Mestre Valverde Mayo con 28. Tamén o alumnado do CEIP Pena de Francia con 22 e o de CEIP Atín-Cela con 25. A visita ás instalacións foi dunha hora de duración aproximada. O alumnado fixo un percorrido polo edificio acompañado dunha guía que lle foi explicando a historia do Parlamento de Galicia e as súas funcións.
Outras cuestións da visita
A rapazada puido incluso entrar na parte baixa do hemiciclo. A deputada do Parlamento de Galicia por Mos, Feli Rodríguez, explicoulles aos asistentes cal é o seu cometido e funcións na cámara.
Outros temas que lles foron explicados aos alumnos mosenses durante a visita desta mañá foron o papel do Parlamento de Galicia no estado das autonomías ou a súa relación cos valores da democracia. Así mesmo, puideron aprender cuestións como a súa sede, historia e organización. Tamén aprenderon sobre as funcións, participación cidadá e datos sobre unha institución comprometida coa cultura. Ademais, abordaron o coñecemento sobre o Mapa Autonómico de Galicia e o Hemiciclo do Parlamento de Galicia.
Deste xeito, os alumnos e os seus profesores puideron coñecer un pouco máis o Parlamento de Galicia e as súas funcións. Tanto os contidos teóricos como as actividades foron totalmente adaptadas ás necesidades do alumnado.