viernes, diciembre 20, 2024
InicioNewsComarcasA nova praza de abastos de Ponteareas buscará entrar na rede de...

A nova praza de abastos de Ponteareas buscará entrar na rede de Mercados Excelentes

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre o convenio de colaboración que asinará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración co Concello de Ponteareas para impulsar a nova praza de abastos do municipio. A esta actuación a Xunta de Galicia destina 800.000 euros, tal e como recollen os orzamentos de 2025. Ademais, enmárcase na aposta do Executivo galego para impulsar unha rede de Mercados Excelentes como eixos e motores do comercio de proximidade, adaptándoos ás novas tendencias do mercado.

A futura praza estará na antiga nave de Aceros del Tea, que será rehabilitada a partir do primeiro trimestre do vindeiro ano. Neste período prevese o inicio dos traballos para dar servizo como mercado de abastos adaptado aos novos hábitos de consumo mantendo a estética e o espazo industrial.

Ademais, modernizaranse o deseño e as instalacións e dotarase ao edificio dos equipamentos necesarios para a actividade comercial e ofrecendo servizos complementarios que melloren a experiencia de compra e atraian novos perfís de clientes. Deste xeito, búscase un espazo competitivo, funcional, accesible e eficiente. Isto fusionando a innovación co mercado tradicional. Tamén para poñer en valor os produtos frescos e impulsar o comercio de proximidade e de maneira que beneficie, tanto a comerciantes como a usuarios.

A nova praza de abastos de Ponteareas

O mercado constará dunha planta e a obra incluirá tarefas de acondicionamento do terreo no que está a edificación e das fachadas, labores de carpintería, pavimento interior e división dos espazos e saneamento. Ademais, adaptaranse as instalacións interiores e habilitarase unha ducia de postos para os praceiros, nos que se comercializará peixe, carne e outros produtos de alimentación e entre os que tamén haberá cafetería.

Entre os equipamentos cos que se dotará a esta infraestrutura están un novo ascensor, cámaras de xeo, sala polivalente, almacéns de mercado de produtores, almacéns de operadores, vestiarios e oficina de comerciantes. Coa rehabilitación do edificio que acollerá esta nova praza de abastos, tamén se busca converter este inmoble nun lugar de encontro de ocio e de actividade para locais e visitantes. Neste sentido, realizarase un espazo central para produtores e para actividades como presentacións de produtos e outro tipo de eventos relacionados coa hostalaría e gastronomía.

Deste xeito, trátase de responder ás necesidades e demandas dos usuarios do mercado e, ao mesmo tempo, impulsar o papel deste edificio, que ten gran vencello coa contorna, como dinamizador da vila e o mellor escaparate do produto galego de calidade a favorecendo a vertebración do territorio.

Mercados Excelentes

Ao mesmo tempo, esta actuación tamén ten como fin facilitar que este espazo acade o selo de calidade de Mercado Excelente, un distintivo co que o Goberno galego trata de revitalizar estes espazos. De feito, enmárcase na aposta da Xunta por potenciar a rede de mercados con este selo que impulsa a visibilidade das prazas de abastos como pezas clave do comercio local das vilas e cidades galegas.

Precisamente o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou en novembro a resolución da convocatoria deste ano cos beneficiarios da orde para fomentar este selo de excelencia, con case 700.000 euros para 28 municipios dos que só dous están provistos xa co distintivo, para levar a cabo tanto accións necesarias de cara á obtención do selo como melloras nos mercados, co fin de afondar na revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego. Tamén resultaron beneficiarias 19 asociacións e federacións de prazas de abastos -dun importe próximo aos 200.000 euros- para a dinamización comercial e mantemento das súas webs de venda electrónica.

Os mercados de abastos terán un importante papel dentro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que se está a elaborar e se presentará no primeiro trimestre do ano que vén. Con esta folla de ruta búscase potenciar as prazas de abastos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vencellándoos á contorna na que se integran, ao produto local e a valores como a sostibilidade, a protección do medio ambiente, a calidade, o trato personalizado e o compromiso coa sociedade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS