Dobre de licenzas para vivenda unifamiliar nova e aumento do 75% das de primeira ocupación
Como cada ano no mes de xaneiro, faise público desde o Concello de Mos o balance anual de licenzas urbanísticas concedidas durante o exercizo anterior. E así o facían hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, José Areal, que salientaron especialmente o maior dos incrementos nas licenzas concedidas: o rexistrado no tipo de licenza de primeira ocupación, que aumentou o ano pasado un 75% respecto do anterior, concedéndose en 2021 21 destas licenzas fronte ás 12 de 2020, e contrastando coa menor cifra rexistrada, que fora de 5 licenzas concedidas no ano 2017. A cifra de 21 licenzas de primeira ocupación do pasado ano 2021 só foi superada en 2013, ano no que se concederon un total de 29 destas licenzas.
Cómpre destacar que continúa a progresión á alza tamén nas licenzas de obra maior. O segundo tipo de licenzas que máis crece despois das de primeira ocupación. O incremento nas licenzas de obra maior en 2021 respecto de 2020 é do 28%, pasando de 102 licenzas concedidas en 2020 a 130 o ano pasado. Dentro destas licenzas de obra maior, destaca o subtipo de vivenda, que duplica o número de licenzas concedidas para vivendas unifamiliares novas, pasando de 20 en 2020 a 40 en 2021.
O terceiro dos epígrafes do balance urbanístico anual con maior volume de crecemento é o relativo a outros expedientes tramitados, que experimenta unha subida do 7% no 2021 respecto ao ano anterior, pasando de 182 expedientes en 2020 a 195 en 2021. Neste epígrafe, o subtipo de expedientes que máis medra é o de expedientes de medio ambiente, que se incrementa nun 26% pasando de 123 expedientes en 2020 a 154 en 2021.
Por outra banda, o número de licenzas de actividade concedidas en 2021 en Mos ascendeu a un total de 93 e o número de licenzas de obra menor foi de 156.
En 2021 concedéronse 406 licenzas urbanísticas en Mos e leváronse a Xunta de Goberno Local un total de 601 asuntos de Urbanismo e Medio Ambiente
Tras a aprobación en 2017 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o balance urbanístico anual do Concello de Mos reflicte unha evolución moi positiva. A lectura deste último informe tradúcese en que Mos se consolida como unha localidade que particulares e empresas elixen para residir e asentarse, de aí o gran incremento experimentado en 2021 na concesión de licenzas de primeira ocupación e de obra maior para vivenda.
A alcaldesa e o concelleiro fixeron hoxe públicos os datos que confirman este balance positivo que, segundo consideran os representantes municipais, “foi en gran parte grazas ao pulo que supuxo a implantación do Plan Xeral, pero ademais da implantación do PXOM mosense, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017, estas cifras veñen tamén derivadas do crecemento do Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña, que se atopa case en plena ocupación, o que fai que Mos leve experimentando nos últimos anos un aumento importantísimo das licenzas urbanísticas concedidas”. O balance urbanístico de 2021 demostra unha vez máis que o de Mos é un Concello ideal tanto para vivir como para desenvolver unha actividade empresarial e/ou industrial.
Destes datos conclúese que “a existencia e implantación dun PXOM está animando aos particulares e ás empresas a establecer ou consolidar a súa residencia ou negocio, respectivamente, en Mos; e que a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir e crecer empresarialmente”, explican Arévalo e Areal.