miércoles, diciembre 25, 2024
InicioConcellos +A CañizaA Cañiza renova o convenio de colaboración con "Avelaíña"

A Cañiza renova o convenio de colaboración con «Avelaíña»

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, manifestou esta mañá a súa satisfacción por renovar a colaboración que permitirá continuar traballando con “Avelaíña”. Esta entidade leva desenvolvendo a súa actividade no Concello dende o ano 2016. Non obstante, a colaboración non se formaliza e oficializa ata o 2021. O rexidor local e o xerente da Asociación, Rafa Álvarez, ratifican este novo convenio que contempla unha dotación económica para a Asociación de 2.919,19 euros ao ano. Así mesmo, asegura a cesión gratuíta da instalación municipal no Edificio Multiusos para a atención do servizo.

Na firma estiveron acompañados do equipo profesional do programa “Achego” na Cañiza, a traballadora social Sara Gómez e a psicóloga Eva Caparroz. Neste 2024 volve a renovarse coa aprobación do Convenio o pasado 15 de novembro, garantindo a continuidade da atención na Cañiza, a través do Programa «Achego». Un programa que tenta aproximar a atención á saúde mental e proporcionar o apoio necesario. Ademais de ser unha primeira toma de contacto ás persoas que sofren, directa ou indirectamente, algún problema de saúde mental.

«Avelaíña» conta cunha andadura profesional de 27 anos e centros na Guarda, Baiona, Ponteareas e A Cañiza. Esta asociación ten por finalidade procurar a mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias. Na Cañiza presta os seus servizos nas instalacións do primeiro andar do Edificio Multiusos, onde dispón dun aula e dous despachos para atención grupal e individual.

A atención da saúde mental no ámbito rural, unha necesidade urxente

No ano 2016, traballadoras sociais das comarcas do Condado e A Paradanta detectaron a gran urxencia e necesidade de atención en saúde mental. Por isto, solicitaron a intervención na zona. No rural galego, a necesidade de recursos é aínda maior, pois trátase dunha poboación con escasos servizos e recursos públicos de proximidade. Ademais, existen dificultades de desprazamento ata as urbes pola falta de transporte e cun acusado envellecemento.

A Asociación «Avelaíña» decide responder a esta demanda e comeza a prestar atención á saúde mental nesta comarca. Deste modo, continúa co proceso de expansión iniciado anos antes noutras zonas de Pontevedra. Así mesmo, deséñase o proxecto “Achego”, para intentar aproximar a atención sociosanitaria ás persoas con enfermidade mental e ós seus familiares en ambas comarcas.

Tras a selección do proxecto pola Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia (FEAFES Galicia) e con fondos da Consellería de Política Social, o proxecto ponse en marcha, atopando unha situación máis grave da esperada.

Deséñase entón un programa máis amplo para as comarcas de O Condado, A Paradanta e o Concello de Salceda de Caselas, onde se plantexa un traballo máis comunitario no contexto do rural galego, creando un recurso de proximidade en saúde mental aberto á poboación.

O obxectivo deste servizo é informar sobre os diferentes recursos e/ou procedementos vinculados á saúde mental, e asesorar, orientar ou poñer en contacto co persoal idóneo que poida atender a cada problemática particular, co obxectivo final de favorecer a integración social comunitaria das persoas afectadas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS